Investigan en Lugo a posible morte por deshidratación dun ancián nunha residencia

A Fiscalía abre dilixencias despois da denuncia interposta pola familia

O Ministerio Fiscal abriu dilixencias de investigación en relación á posible morte por deshidratación dun ancián nunha residencia privada de Lugo. 

Segundo confirmaron a Europa Press fontes de Fiscalía, tras recibir a denuncia interposta pola familia do falecido, decidiuse a apertura de dilixencias de investigación para "determinar" se os feitos teñen "indicios de delito". 

Segundo recolle a denuncia presentada pola familia ante Fiscalía e ante a Consellería de Política Social, o ancián estaba interno nunha residencia de maiores privada da cidade de Lugo, desde onde, en agosto do ano pasado, foi trasladado ao Hospital Lucus Augusti. 

O parte médico recolle que o ancián, de 70 anos, presentaba problemas respiratorios e que finalmente faleceu. No entanto, segundo a información achegada pola familia na denuncia o médico que o atendeu puxo de manifesto un estado "de deshidratación" do home, así como unha nutrición "límite". 

Por iso, os familiares decidiron denunciar os feitos ante a Fiscalía, e dar traslado desta información también á Consellería de Política Social, xa que consideran que o centro "desatendeu" ao home e que non foi trasladado ao hospital ata "o último momento". 

Ademais da investigación aberta por Fiscalía, a Consellería de Política Social, que recibiu o luns o escrito, puxo o caso en mans do Servizo de Inspección que, segundo confirmou a Europa Press, "está analizando os feitos denunciados para levar a cabo as actuacións que correspondan de cara ao esclarecemento dos feitos". Do mesmo xeito, púxose a disposición de Fiscalía.