Continúa a investigación que levou a axentes da Policía Nacional de Lugo a deter o martes unha camareira dun establecemento de hostalería da capital situado no barrio da Piringalla, tras confirmar —con axuda das cámaras de seguridade do bar— que furtara todo o diñeiro da recadación. Tras o arresto, a dona do establecemento explicou que xa lle levaran diñeiro noutra ocasión e que agora sospeitaba que podería ser a mesma empregada, polo que os policías investigan os feitos.
Os axentes encargados do caso están á espera de que a denunciante achegue máis datos sobre o outro furto para determinar a súa autoría.
Os feitos que levaron á detención foron denunciados a semana pasada, cando a muller que rexenta o establecemento acudiu a comisaría para explicar que lle subtraeron a recadación que gardaba fóra da caixa rexistradora, que ascendía a máis de 2.000 euros.
Coa denuncia, a hostaleira achegou as gravacións das cámaras de seguridade do bar, que tiña recollidas no seu teléfono móbil, xa que mostraban o momento da subtracción. Tal e como sinalou este mércores o portavoz do corpo, os axentes abriron unha investigación e solicitáronlle á denunciante as gravacións orixinais, "para verificar todos os extremos e ter unha mellor calidade do visionado".
A muller quedou en liberdade con cargos
Os policías analizaron detalladamente as imaxes e tomaron declaración a varias testemuñas, co que determinaron que a autora do furto era unha das empregadas do bar. Os axentes localizaron a muller —de orixe romanesa e con domicilio na capital lucense— e procederon ao seu arresto. A detida foi trasladada ás dependencias policiais da Rúa Chantada, onde se lle tomou declaración.
Posteriormente, tal e como confirmou a Policía, a muller quedou en liberdade con cargos, "coa obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexa requirida para iso".
Hai apenas un mes, o pasado 20 de xaneiro, a Policía Nacional arrestou unha parella que chegou a cometer ata catro roubos no mesmo establecemento de hostalería do centro histórico, concretamente da Rúa Nova, onde a muller estivera traballando como camareira. Nos catro casos, os detidos leváronse botellas de bebidas, o cambio da caixa rexistradora e o diñeiro que había dentro do bote de propinas.
No primeiro dos roubos, os autores accederan ao local sen forzar ningunha entrada, polo que as pescudas centráronse nas persoas que puidesen ter as chaves da porta de acceso. Con todo, o dono do bar cambiou a fechadura tras o primeiro incidente, polo que, nos tres feitos posteriores, os ladróns accederon ao interior do local tras forzar unha fiestra do piso superior, polo que foron acusados de roubo.