Investigado un home por intentar que o suplantaran nun exame de conducir

O suplantador foi detido e está acusado de usurpación de estado civil
Un permiso de conducir.AEP
photo_camera Un permiso de conducir. AEP

A Garda Civil investiga a unha persoa por falsidade documental ao facilitar o seu Documento Nacional de Identidade a outra persoa para que esta realizase a proba teórica para a obtención do permiso de conducir ao seu nome.

A Subdelegación do Goberno informou de que os feitos tiveron lugar o pasado 5 de novembro de 2020 na aula de exames da Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo.

Unha persoa de gran parecido coa persoa suplantada presentouse co DNI da persoa investigada para realizar o exame teórico para a obtención do permiso de conducir da clase B.

A detención do suplantador realizouse ese mesmo día por axentes do Grupo de Investigación e Análise do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo, quen ao ter indicios de que se podía cometer unha suposta suplantación acudiron ás dependencias da Xefatura Provincial de Lugo.

O detido, unha vez que finalizou as probas teóricas, foi identificado polos axentes na mesma aula de exames da Xefatura de Tráfico, portando e exhibindo como identificación persoal o documento da persoa agora investigada que, segundo constaba no padrón e no seu DNI, residía na provincia da Coruña, aínda que a súa familia vivía na de León.

Comunicados os feitos aos axentes do Sector de Tráfico da Garda Civil de Castela e León, o pasado 10 de febreiro procedeuse á localización da persoa suplantada na pedanía de San Andrés de Montejos, pertencente ao municipio de Ponferrada.

O home foi trasladado ás dependencias oficiais do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Ponferrada, onde se procedeu á súa investigación, ao actuar como colaborador necesario do delito penal de falsidade documental.

Os autores dos feitos –suplantador e suplantado–, poderían enfrontarse a entre seis meses e tres anos de prisión e multa de seis a doce meses pola comisión do delito de falsidade documental no caso da persoa suplantada, e a comisión do delito de usurpación de estado civil por parte do suplantador. 

Comentarios