O inicio das obras de ampliación da Protectora dilatarase un tempo

O proxecto aínda está en fase de redacción pese ao aumento de animais no albergue

Foto de archivo de una protectora. AEP
photo_camera Cans da Protectora dentro dalgúns dos habitáculos que hai no recinto, compartido moitas veces por varios exemplares. XESÚS Ponche

As obras de ampliación das instalacións da Protectora de Animais terán que esperar. O proxecto —que corre a cargo do orzamento da Deputación Provincial— aínda está en fase de redacción e, a estas alturas, descoñécese cando estará finalizado e cando darán comezo os traballos nas instalacións que a sociedade ten en Codeside, Santa María de Muxa.

Mentres tanto, o albergue acolle cada vez a un maior número de cans, especialmente nestas datas de verán, cando se propician máis os abandonos de animais coincidindo coas vacacións. De feito, hai uns días contabilizábanse ata 500 cans nas instalacións, segundo comentaban algúns voluntarios da Protectora.

As instalacións da Protectora foron aumentando nos últimos anos coa axuda de institucións como o Concello ou a Deputación

Esta situación obriga aos cans a vivir practicamente amontoados, compartindo en moitos casos un habitáculo entre varios exemplares. No albergue, esperábase que estas obras se iniciasen xa no verán, coincidindo co bo tempo, dado que de meterse ao inverno os traballos poderían sufrir un atraso a maiores pola climatoloxía adversa, co cal se teme que o tempo de espera sexa aínda maior.

Na Deputación, en cambio, non se fala de prazos. Só se sabe que o proxecto ten un orzamento de 345.000 euros, co que se pretende facer fronte tanto ás obras de ampliación como tamén a garantir o mantemento das instalacións así como a compra de penso e o custo dos traballos de roza. 

As instalacións da Protectora foron aumentando nos últimos anos coa axuda de institucións como o Concello ou a Deputación, que chegou a achegar 124.000 euros que se investiron en aumentar a superficie do albergue en catro hectáreas máis os 3.000 metros cadrados iniciais que tiñan as instalacións. Con todo, os espazos aínda son escasos e é necesaria unha maior superficie para ofrecer aos animais albergados uns habitáculos con mellor calidade de vida.

O orzamento que custeará o proxecto de ampliación da Protectora enmárcase dentro da liña provincial de cooperación cos concellos para impulsar os servizos públicos e promover o benestar animal.

Hai dous meses que o presidente da Deputación, Darío Campos, visitou a Protectora para comprobar as necesidades de espazo que hai no albergue e, de paso, coñecer aos integrantes da nova directiva, recentemente elixida.
 

Comentarios