Ingapan fichará alumnos relevantes de Procesos Químicos e Nutrición

Serán dous dos premios do I Concurso de Traballos Fin de Grao
Acto de presentación del concurso, en Ciencias. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Acto de presentación do concurso, en Ciencias. VITORIA RODRÍGUEZ

Ingapan ofrece dous contratos de seis meses aos autores dos mellores traballos de fin de grao (TFG) de Enxeñería de Procesos Químicos Industriais e Nutrición e Dietética. Eses serán dous dos premios do I Concurso de Traballos Fin de Grao, no que tamén o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo e a Asociación de Dietistas e Nutricionistas de Galicia (Adinu) gratificarán con 2.000 euros os mellores traballos da última promoción de graduados na facultade de Ciencias.

O decano, Francisco Fraga, presentou este mércores o certame, nun acto no que participaron tamén o decano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, Jorge Rivera; a presidenta de Adinu, Sheila Castañar, e Ana Piñeiro, responsable de proxectos da empresa Ingapan.

A convocatoria está aberta ata o día 29, data límite ata a que o alumnado poderá presentar os traballos na Secretaría do centro universitario lucense.

DIñEIRO. O Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais premiará con 1.000, 500 e 300 euros os autores dos tres traballos do grao de Enxeñería de Procesos Químicos Industriais máis valorados polos integrantes da comisión técnica externa que se ocuparán de levar a cabo a súa avaliación.

Do mesmo xeito, os mellores traballos de fin de grao de Nutrición Humana e Dietética tamén recibirán unha gratificación económica que, neste caso, correrá a cargo do colectivo de dietistas e nutricionistas Adinu.

Comentarios