Infraestruturas inviste 17.716 euros nunha iluminación máis segura na rúa Soto Freire

"Melloramos a rede de alumeado público, aplicando a perspectiva de xénero nunha zona escura da cidade", afirma o edil Alexandre Penas
Arroxo y Penas. EP
photo_camera Arroxo e Penas. EP

A concellaría de infraestruturas comezou a instalar un novo sistema de iluminación na rúa Soto Freire, xunto á estación de autobuses. O investimento, de 17.716 euros, permitirá mellorar a seguridade na zona, ata agora mal iluminada, segundo o edil Alexandre Penas. "Tratar dunha zona que ata o de agora contaba con pouca iluminación, na que imos mellorar a seguridade das veciñas e veciños, aplicando a perspectiva de xénero", subliñou.

En concreto, instalaranse novas luminarias de 48 LEDs, de 74 W, que permiten cumprir cos requisitos de luminosidade para iluminación exterior cun baixo consumo eléctrico. Alexandre Penas explicou que se intenta "reducir o gasto na factura da luz do Concello".

Este mércores aprobarase a contratación da renovación no grupo da Paz (Pardo de Cela, Estralote, Carpaza, Santo Domingo da Calzada —zona peonil—, Alecrín, Teixo, Acibro, Camelia, Ligustro, Filgueira, Bataneira, Estrelamar, Roseira e Torques) e na zona da Residencia (nas rúas Río Ulla, Azalea, Escultor Asorei, Río Lor, Portugal, Amizade e Evaristo Correa Calderón) .

Comentarios