As flores tamén subiron

Cheo no mercado das flores da Praza de Abastos e tamén nas florerías de Lugo, en vésperas de Todos os Santos e Defuntos, a pesar de que os prezos subiron lixeiramente respecto ao ano pasado.

A inflación chegou ao mercado das flores. Este ano subiron os prezos dos ramos, centros e plantas con respecto ao ano pasado, pero tamén á vez aumentou a demanda de flor ata o punto de que os vendedores, tanto en tenda como no mercado celebrado na Praza de Abastos de Lugo, non atopaban tempo nin para contar como ían as vendas dada a avalancha de clientes e peticións que recibían.

En Flores Oxilis, que ten un posto fixo na Praza de Abastos pero que tamén acudiu ao mercado, Manuel González afirmaba que o gasto medio en flores para Defuntos en Lugo este ano oscila entre os 20 e os 30 euros. A maioría, no mercado, optou polo ramo, máis económico que o centro, e as flores máis demandadas foron os crisantemos en planta e as dalias e os caraveis, en flor cortada.

A alta demanda de flores tamén se notou nas tendas. En Janeiro Floristería, na Avenida da Coruña, tamén andaban apurados de traballo, a pesar de que houbo unha lixeira subida de prezos con respecto ao ano pasado que Mar Janeiro, a xerente do negocio, calcula "nuns 5 ou 10 euros por produto, o mesmo que nos encareceron a nós o produto tanto os invernadoiros como os transportistas". Neste caso, o máis vendido en tenda foron os centros, cuxos prezos oscilan entre os 35 e os 150 euros.