Indemnizada unha familia lucense tras a morte dun bebé de catro días

O fallo recolle a "deficiente observación da nena" nas súas primeiras 48 horas, ao darlle a alta sen tomarlle ese día a temperatura
Pasillo del servicio de Urgencias del Hula. XESÚS PONTE
photo_camera Corredor do servizo de Urxencias do Hula. XESÚS PONTE

O xulgado contencioso número 1 de Santiago de Compostela condena ao Sergas a indemnizar a unha familia pola morte por pneumonía da súa filla de catro días. Recoñece que se produciu unha "perda de oportunidade" ao darlle do alta á nena sen tomarlle ese día a temperatura, o que entende que puidese alertar da presenza de infección.

A pequena naceu o día 10 de novembro de 2015 no Hula. A súa nai tivera unha infección pola que recibiu a primeira dose de antibiótico do estreptococo do grupo B, pero non a segunda. Neses casos débense administrar dúas, pero espaciadas nun determinado intervalo de tempo, algo que polo rápido desenvolvemento do parto non se puido facer.

Segundo recolle o fallo, á pequena tomóuselle a temperatura en diversos momentos -cunha máxima de 37,5 graos- pero se foi de alta o día 13 de novembro logo de levar 18 horas e media sen control de temperatura, a pesar de que se trataba dunha nena con factor de risco positivo por estreptococo B debido a que a súa nai recibira unha profilaxe correcta pero incompleta.

O día 14 os seus pais levárona a Urxencias porque rexeitaba as tomas, tiña problemas para respirar e mal cor. Alí entra en parada cardiorrespiratoria e, a pesar das manobras do persoal para revertela, morre. A autopsia confirma a morte por mor dunha pneumonía e a menos de 24 horas despois do alta hospitalaria.

A sentenza recolle que se produciu "unha omisión na toma de temperatura" e que esta alertase "na determinación do diagnóstico de certeza" e establece que o Sergas indemnice aos pais con 50.000 euros.

O avogado da familia, Cipriano Castreje, entende que esa cifra "non repara de forma integral o dano causado". Recorda que a morte dun fillo "non ten prezo para uns pais" e indica que nun dos seus casos recentes, no que o fallo recoñeceu tamén a perda de oportunidade, indemnizouse a uns pais con 300.000 euros.

Comentarios