Incautadas unha navalla e droga nunha nova redada no after da Rúa Tui

Axentes da Policía Local e Nacional inspeccionaron o local, identificaron a oito persoas
e requisaron tamén tres móbiles, dous DNIs e un patinete eléctrico sen número de serie
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Intervención policial en Las Palmeras. EP

As forzas e corpos de seguridade de Lugo realizaron unha nova redada no after Las Palmeras, na Rúa Tui, e identificaron a oito persoas que a media mañá do domingo aínda continuaban no establecemento. A intervención, na que participaron varias patrullas da Policía Local e Nacional, iniciouse ao redor das once da mañá,  cando os efectivos accederon ao interior do local e levaron a cabo unha minuciosa inspección, na que cachearon a varias persoas.

A intervención policial finalizou coa incautación de tres teléfonos móbiles, dous DNIs que supostamente presentaban irregularidades e un patinete eléctrico. Este último carecía de número de serie e ningunha das persoas que estaba no lugar recoñeceu que era da súa propiedade, polo que foi requisado. Os axentes denunciaron tamén a un cliente do after por posesión de sustancias estupefacientes —aínda que se trataba dunha pequena cantidade para o seu propio consumo— e a outro por tenencia de arma branca.

Esta redada levou a cabo tan só 24 horas despois de que as forzas e corpos de seguridade realizasen outra intervención similar no mesmo after. Na inspección realizada na mañá do sábado, os axentes tiveron que auxiliar a un cliente que se atopaba nas inmediacións do local, tirado e inconsciente ante un baixo comercial desta rúa que leva anos abandonado. O mozo tivo que ser evacuado nunha ambulancia do 061 a un centro hospitalario. Minutos máis tarde, os servizos sanitarios tamén tiveron que atender a outro mozo que saíu do establecemento e desvaneceuse a poucos metros, na Rúa Camiño Real.

Os residentes da zona levan anos denunciando este tipo de incidentes e solicitando o peche deste local de lecer nocturno. De feito, a recentemente creada Plataforma SOS Milagrosa Lugo Norte, sumouse ás súas demandas e esixe ao Concello que actúe canto antes para que os veciños non teñan que seguir soportando as molestias que lles xera o after, onde, segundo afirman, tamén son habituais as disputas.

O colectivo de comerciantes e veciños iniciaba o pasado día 1 unha campaña de recollida de firmas nuns  quince establecementos do barrio para reclamar ás administracións que ordenen o fin da súa actividade. Ante este aluvión de queixas veciñais, tanto a Policía Local como a Nacional incrementaron a vixilancia para controlar a actividade no local.