lunes. 22.07.2019 |
El tiempo
lunes. 22.07.2019
El tiempo

A implantación da administración electrónica empeza polo Rexistro

Oficinas do Rexistro municipal de Lugo. AEP
Oficinas do Rexistro municipal de Lugo. AEP

Os usuarios verán en que fase de trámite está o seu documento, aínda que de momento terán que seguir acudindo ás oficinas municipais

A alcaldesa, Lara Méndez, informou este mércores de que esta semana se darán os primeiros pasos na "implantación efectiva" da administración electrónica, que comezará polo Rexistro municipal, onde se tramitan máis de 100.000 documentos ao ano. Polo servizo pasan unha media de 300 persoas ao día. 

As encargadas de facer este traballo son Indra, Altia e R, a través dunha Unión Temporal de Empresas (Ute), en coordinación co persoal municipal. Ambos comezaron a instalar e a configurar os novos equipos informáticos e esta semana está previsto que empece a capacitación e formación específica do persoal. O obxectivo é que durante o verán se vaian completando todas as tarefas do Rexistro, que permitirán, nun primeiro momento, escanear e asinar de forma telemática a documentación que entregan os cidadáns. Esta quedará gardada nun xestor de expedientes. 

Nunha primeira fase, os cidadáns, as empresas e institucións que necesiten entregar documentación ao Concello aínda terán que acudir ás oficinas municipais da Ronda da Muralla para facer o trámite. Cando finalice o proceso de implantación da administración electrónica poderán facer esta operación de forma telemática desde o seu computador, a través da sede electrónica do Concello. 

O proceso de administración electrónica irase implantando paulatinamente no resto de departamentos municipais ao longo dos próximos meses. 

Ademais de facilitar o procesamento directo dos arquivos, a administración electrónica permitirá que tanto os veciños como as empresas poidan seguir a trazabilidade dos seus expedientes. É dicir, poderán coñecer en que punto se atopa a tramitación en cada momento. 

A instalación e a configuración dos equipos e a formación do persoal chega logo dun ano de exhaustivo "traballo" no que se analizaron os distintos protocolos de xestión de cada un dos departamentos municipais, "co fin de adaptalos ás novas formas de traballar, aos novos protocolos e á nova lexislación", explicou o equipo de Lara Méndez.

A implantación da administración electrónica empeza polo Rexistro
Comentarios