sábado. 08.08.2020 |
El tiempo
sábado. 08.08.2020
El tiempo

A Igrexa envellece pero descarta que falten curas en Lugo polo veto ao matrimonio

Misa crismal na catedral, con sacerdotes de toda a diocese. XESÚS Ponche
Misa crismal na catedral, con sacerdotes de toda a diocese. XESÚS Ponche
A idade media dos párrocos da diocese é de 75 anos e o máis veterano en exercicio ten 91

Aos seus 88 anos, Gerardo Arias López segue dicindo misa todos os días na parroquia de San Froilán. É o decano dos curas de Lugo, pero véselle aínda cargado de enerxía. Nótase que é feliz co seu labor e, de broma, di que "ás veces serei un pouco gruñón, pero en xeral sinto que a xente me aprecia".

A súa experiencia serve para ilustrar a da maioría dos curas da diocese, na que hai actualmente 195 sacerdotes, dos que 55 están xubilados.

Na cidade, con parroquias máis activas e máis poboación, concéntranse bastantes curas novos, pero o clero lucense está envellecido. A idade media é de 75 anos, segundo datos do Bispado. O máis veterano en exercicio ten 91 anos e o máis novo 28.

Esa Igrexa envellecida enfróntase a desafíos de futuro marcados por debates como o da autorización do matrimonio dos sacerdotes. O asunto volveu a discusión pública ao amparo da físgoa que abriron os bispos da Amazonía e que o Papa acaba de pechar, liquidando unha opción que non se expuña para toda a Igrexa pero que nalgúns sectores víase como unha oportunidade para abrir un proceso de cambio e de revitalización.

Irimia cre que se impón o conservadurismo ao pechar o Papa a porta ao matrimonio para os curas da Amazonía

Mario Vázquez Carballo, vigairo xeral da diocese, non leu aínda o documento do Papa e non se pronuncia sobre a decisión, pero si cre que o celibato non é a razón pola que faltan curas. "Nas igrexas protestantes e na ortodoxa, os sacerdotes casan e, con todo, sofren tamén crises de vocacións", advirte.

É unha apreciación coa que coinciden outros sacerdotes de Lugo, que aseguran que non coñecen a ninguén que renuncie a ser cura pola imposibilidade de casar e ter unha familia. "É unha cuestión de cambio de valores na sociedade", opina un.

"A vocación vai máis aló do celibato opcional, que é un valor polo que supón de entrega incondicional aos demais, aínda que implique sacrificios", apunta o vigairo xeral da diocese.

Que se peche a porta ao matrimonio dos curas si é un factor de desencanto para movementos cristiáns de base como Irimia, di Valentín Arias, que sinala que "a traxectoria do Papa facíanos concibir unha esperanza de apertura". Destaca que o matrimonio dos sacerdotes non é "un obstáculo bíblico" e di que a impresión é que se impón un conservadurismo alleo ao espírito de Cristo e que frea posibilidades que xa abría o concilio Vaticano II. Apunta tamén ao "incomprensible" feito de que siga pechado o debate sobre o acceso das mulleres ao sacerdocio.

A crise vívese en igrexas que permiten casar aos seus sacerdotes, como as protestantes e a ortodoxa

Máis aló do debate está a realidade dunha igrexa que cada vez ten menos curas. Nos últimos anos, a diocese reorganizou a súa estrutura en unidades parroquiais para garantir os servizos relixiosos.

É unha reorganización adaptada sobre todo á realidade do despoboamento das zonas rurais, di Vázquez Carballo. Asegura que os fieis se van adaptando a ese modelo, aínda que apunta que o modelo se consolida "nunhas zonas mellor que noutras".

O importante, di, é que non se pechan igrexas mentres queda poboación e que os templos se conservan e fanse esforzos por manter actividade en todos.

Na provincia hai sacerdotes que comparten os retos expostos polos bispos da Amazonía e tamén algúns que deixaron o sacerdocio e casaron. Nalgúns casos, eses curas casados seguen colaborando activamente nas parroquias, aseguran no Bispado. Outros, como Germán Arias, din que non quixesen unha vida distinta á que tiveron como curas.

Dez seminaristas e dous diáconos
En Lugo hai actualmente dez seminaristas e dous diáconos próximos a ordenarse, explica Mario Vázquez Carballo.

Na cidade conviven dous seminarios e é no misioneiro, que funciona en colaboración co movemento neocatecumenal, onde se forman máis novos para o sacerdocio. Algún deles é galego, pero os hai tamén procedentes doutros puntos de España e de países como Brasil ou Venezuela. Fórmanse en Lugo e será aquí, en principio, onde exercerán o sacerdocio.

CAÍDA HISTÓRICA. O número actual de seminaristas é relativamente alto en relación a anos atrás, pero está moi lonxe, por exemplo, do que ocorría cando se formaba Gerardo Arias. Recorda que nos seus tempos había uns 700 alumnos entre o seminario maior e o menor e que 1957 ordenáronse 23 curas «e iso que o noso era dos cursos máis pequenos», rememora.

DE CARA AO FUTURO.  "O número de curas en Lugo é suficiente en canto a poboación, non en canto a parroquias", di un sacerdote de Lugo e Mario Vázquez Carballo di que, de face ao futuro, a clave será a evolución das zonas rurais. O previsible é que cun ou dous sacerdotes por municipio sexa suficiente "para atender ao pobo de Deus", di.

A realidade é que tamén hai pouca poboación por sacerdote e parte desa poboación vive allea á relixión e unha mostra é o número de vodas civís e relixiosas.

A Igrexa envellece pero descarta que falten curas en Lugo polo veto...
comentarios