O IES Sanxillao de Lugo contará cun novo ciclo de panadería

O sector lamentaba a falta de traballadores especializados

IES Sanxillao de Lugo. EP
photo_camera IES Sanxillao de Lugo. EP

O IES Sanxillao contará cun novo ciclo de Formación Profesional (FP) en panadería, unha formación que dá resposta á demanda do sector que lamentaba a falta de traballadores especializados.

Así o avanzou o delegado da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro, quen explicou que este ciclo se incorpora "dentro da actuación que se vai facer nese instituto, sendo o primeiro ciclo de panadería en Lugo".

En concreto, o delegado da Xunta informou de que se está redactando o proxecto para a "ampliación" deste centro educativo, no que se fará un investimento de 1,7 "millóns de euros". "Prevese licitar as obras este ano e levalas adiante e unha vez que as obras estean listas este ciclo empezará a funcionar", manifestou.

Na súa intervención, Balseiro recordou que mantivo unha reunión cos representantes do sector da panadería na provincia, tras a que se acordou que ese ciclo se vai instalar en Lugo". A licitación de ampliación do Sanxillao producirase "no verán".

Ademais, destacou o "compromiso da Xunta" cos concellos de Rábade, de Begonte e co de Outero de Rei, para implantar a Escola de Música, que agora comparten estas tres localidades.

O que se persegue é "crear a primeira escola de música en rede da provincia, que tería unha sede aínda que fosen tres cunha en cada concello". "A Xunta de Galicia fará un investimento de 360.000 euros, 120.000 euros en cada municipio e a idea é en dúas anualidades, en 2020 e 2021. Hai máis de 300 persoas que se forman nestas tres escolas", pormenorizou.

Comentarios