Unha idea lucense para crear feromonas de coello gaña un premio a emprendedores

A idea reúne a catro estudantes do campus ao redor dunha empresa que comercializaría o produto para mellorar a reprodución
2020072511522730723
photo_camera Jesús Viveiro, Paula Rodríguez e Nuria Fernández no Pazo de Fonseca co premio. EP

BioPher, o proxecto empresarial creado polos lucenses Paula Rodríguez, David Freije, Jesús Viveiro e a tamén estudante en Lug Manon Blanquer, foi galardoado con 3.000 euros nos Premios Argos 2019 na categoría de proxectos baseados en resultados de investigación (Argos Spin). A empresa que expoñen dedicaríase á produción de feromonas naturais para coellos e a súa aplicación comercial.

Argos ten como obxectivo crear grupos interdisciplinares de persoas emprendedoras que contan cun asesoramento a nivel empresarial para poder construír un plan de negocios. Vai dirixido a alumnos de últimos anos de grao, posgrao, máster, doutoramento ou colaboradores integrados en grupos de investigación dos campus de Lugo e Santiago.

A iniciativa xurdiu de Paula, encargada de presentar a idea do proxecto. "Presentei os meus resultados de investigación ao programa para seguir desenvolvendo o meu proxecto de tese co grupo de traballo", sostén a investigadora. Ese plan debe incluír puntos como o estudo mercado, a competencia, a organigrama...

O PRODUTO. No caso de BioPher, a empresa que expoñen baséase na creación de feromonas naturais para coellos, ao ser unha especie con facilidade para traballar. Buscan poder desenvolver dous puntos importantes da investigación: a mellora da produción animal a nivel reprodutivo e o efecto no seu comportamento, como a redución de tensión.

O grupo fixo varios estudos en profundidade para coñecer o seu produto e as preferencias dos seus clientes á hora de comercializalo. "A idea é que os clientes compren as feromonas en forma de colar, spray ou difusor", complementa Rodríguez.

Pero a proxección vai máis aló dos coellos. A longo prazo, BioPher aspira a comezar a traballar con outras especies, como vacas, para ter unha maior variedade de produtos e compradores.

Cun grupo implicado, con variedade en áreas e que contou en todo momento co apoio da súa mentora, Nuria Fernández, "foi sinxelo traballar e chegar ata o máis alto". Con todo, para poder continuar coas seguintes fases do proxecto, I+D e desenvolvemento do produto e comercialización, precisan de máis financiamento.

"Confían en nós, e iso dános moita seguridade, pero tamén necesitamos outros apoios, ademais da parte do premio que vai destinado á empresa, para seguir avanzando", conclúe Paula Rodríguez.

Dous equipos premiados
Na sétima edición do programa Argos, presentáronse oito grupos con proxectos innovadores de alto nivel.

Entregáronse un total de dous premios: para BioPher, categoría Argos Spin, e para Sensa Comunicación, categoría Argos Enxeño.

Sensa Comunicación
A idea deste proxecto é axudar a todo tipo de empresas a adaptar as novas tecnoloxías nos seus negocios para que sexan accesibles para persoas con discapacidade.

Comentarios