Icomos cuestiona a urbanización da esquina entre San Roque e a Ronda

Cre que dá continuidade a elementos que son «unha afronta» ao patrimonio, aínda que non chega a vetar a obra prevista
 
La pasarela de Montero Ríos. XESÚS PONTE
photo_camera La pasarela de Montero Ríos. XESÚS PONTE

Icomos, organismo que vela pola protección dos bens Patrimonio da Humanidade, emitiu un informe crítico co plan de urbanización da esquina entre San Roque, a Rolda, o Carril das Flores e Montero Ríos.

"A solución proxectada non só mantén nexos de unión con elementos que xa de por se son unha afronta ao patrimonio cultural, senón que lles dá continuidade acrecentando con iso as graves deficiencias existentes, en especial cara ao Camiño de Santiago, como son a alteración das rasantes orixinais ou o falso túnel", di Icomos nas súas conclusións.

O informe transcendeu só uns días despois de que o Concello aprobase o proxecto para eliminar a pasarela de Montero Ríos, construída hai 30 anos de forma provisional. É unha intervención amparada no plan urbanístico para esa esquina, cuxa tramitación levou varios lustros.

O proxecto global de urbanización para os terreos afectados por ese cruzamento aprobouse o pasado maio. O visto e prace chegou porque había un primeiro informe favorable de Icomos, o que permitiu que tanto Patrimonio da Xunta como o Concello desen o visto e prace ao plan, que contempla unha beirarrúa de catro metros de ancho e ampliar os accesos en San Roque e Carril das Flores.

Na contorna construiríase, posteriormente, un conxunto de edificios de catro ou cinco plantas de altura.
Pero tras aquel primeiro informe favorable, agora chega un segundo ditame de Icomos que é moito máis crítico e que, sen chegar a vetar o plan urbanístico, sostén que habería que deseñar a contorna dos bens protexidos —a muralla e o Camiño nese punto— con outros criterios.

RECOMENDACIONS. "A modificación proxectada defínese pouco solidaria. Non se tivo en consideración o problema de fondo e tratou de resolverse un problema propio con total independencia da trama urbana e, máis se, cabe sen consideración algunha ou escasa cara aos elementos do patrimonio, buscando en gran medida un aproveitamento lucrativo particular", sentenza Icomos no seu informe.

Di que tapar as medianeiras non xustifica aumentar o volume construtivo e pide peonalizar o Carril das Flores

O organismo fai tamén recomendacións e di que "deberá prevalecer o tráfico peonil sobre o tráfico rodado". Engade que "a actuación debe ser máis valente e englobar e actuar sobre o Carril das Flores". Propón peonalizalo para "recuperar o seu sentido orixinal e con iso manter a súa protección en base á cal se clasificou como Patrimonio Mundial" o Camiño.

Tamén di que "a visión das medianeiras dos edificios existentes non pode ser a xustificación para un aumento do volume a construír", aínda que apunta igualmente que "a actuación sobre o parcelario ben sexa agrupando as diferentes parcelas ou reparcelando as mesmas, pode consentirse se con iso mellórase a imaxe de cidade neste punto da mesma, sen por iso agravarse o interese da promotora ao non obter unha edificabilidade ficticia".

"A actuación debe resolver os problemas de cidade nese unto e non mantelos, e en maior medida acrecentalos ou agravalos", advirte Icomos, que tamén apunta que "a proposta desenvolvida e agora aprobada xustifícase en parámetros de edificabilidade pouco ou nada sostibles a nivel edificatorio, e con escasa ou nula referencia ao aspecto fundamental que non é outro que a protección patrimonio".


O Concello prevé seguir adiante co proxecto porque considera unha aberración a pasarela de Montero Ríos

O goberno local prevé seguir adiante co proxecto urbanístico aprobado, dado que considera que é prioritario eliminar a pasarela de Montero Ríos, que entende que si supón unha aberración urbanística.

Trátase ademais dun proxecto que se aprobou tras un informe favorable de Icomos, lembra e sen que houbese alegacións de ningún colectivo. 

En realidade, ese organismo emitiu tres informes relativos aos plans urbanísticos para esa esquina entre San Roque e a Rolda. Realizáronse en fases distintas do proxecto e os dous primeiros foron favorables.

O actual ditame deriva da petición dun informe  aclaratorio que realizou o Foro do Camiño. E non é exactamente novo. Está datado en xullo, pero non se deu a coñecer ata o de agora, co plan xa aprobado.

Pero o foro entende que o informe de Icomos é "suficientemente relevante" como para que o Concello o teña en conta e introduza cambios no plan.

O Concello, en tanto, lamenta que non houbese no seu día alegacións ao plan, promovido pola iniciativa particular, e di que os técnicos entenden que se pode seguir adiante, porque o informe non é vinculante.

Hai, paralelamente, un recurso contra a modificación do Pepri que houbo que facer para aprobar o proxecto urbanístico para esa esquina. Pero o Concello entende que, de prosperar, os axustes que habería que facer no plan serían mínimos.

O plan aprobado neste momento limítase á reordenación do espazo e non inclúe licenzas para novos edificios.

Orixe
A capacidade do Foro do Camiño Icomos realizou o informe —nada amable co urbanismo lucense— a petición de Foro do Camiño. Trátase dunha plataforma que integran ao redor dunha trintena de colectivos relacionados coa cultura.

A mobilización dese colectivo prodúcese cando entende que está en xogo a protección do patrimonio e con anterioridade actuou, por exemplo, na delimitación do Camiño Primitivo.

PRECEDENTE. A situación non ten porqué ser igual, pero a postura contraria de Icomos xa foi no seu día decisiva para que se refugase en Lugo outro gran proxecto urbanístico: a construción en San Fernando do auditorio da cidade.

Comentarios