jueves. 02.04.2020 |
El tiempo
jueves. 02.04.2020
El tiempo

O Hula inicia un plan contra a resistencia a antibióticos en residencias xeriátricas

Antonio Fernández, Rocío Malfeito, Ramón Ares, Juan Corredoira e Rafael Monte. XESÚS PONTE
Antonio Fernández, Rocío Malfeito, Ramón Ares, Juan Corredoira e Rafael Monte. XESÚS PONTE
O 50% de pacientes hospitalizados recibe un deses fármacos e, deles, a metade ou non o precisa ou lle conviría outro ►Durante seis meses un especialista de Infecciosas traballará cos xeriatras para afinar o uso deses tratamentos

O Hula acaba de pór en marcha un programa para reducir as resistencias a antibióticos que se centrará nos pacientes aos que máis se prescriben estes fármacos e que, xa que logo, son máis susceptibles de desenvolver e transmitir bacterias resistentes: os anciáns que viven en residencias da terceira idade.

Calcúlase que o 50% dos pacientes ingresados en calquera hospital español, tamén o Hula, reciben un tratamento antibiótico durante a súa hospitalización. Deses, na metade de casos poderían optimizarse; é dicir, ou non necesitarían un antibiótico ou lles conviría máis outro distinto. Os maiores residentes en xeriátricos ingresan con frecuencia e son tratados con estes medicamentos durante longo tempo, máis que os habituais sete ou dez días. "O problema é que, a miúdo, a estes pacientes adminístraselles de forma continuada, ao longo dun mes, porque presentan febrícula e asúmese que teñen unha infección", explica Rocío Malfeito, xeriatra do Hula que lidera o programa de pacientes sociosanitarios, un plan mediante o que o seu servizo fai un seguimento continuado dos residentes de catro centros da provincia –As Gándaras, Castro de Rei, Outeiro de Rei e Láncara– e grazas ao que se conseguiu reducir hospitalizacións e visitas a Urxencias.

Aproveitando ese traballo xa en marcha, o programa contra resistencias bacterianas iniciarase neses mesmos centros. Trátase dun plan de formación "bidireccional" –segundo a definición de Antonio Fernández, responsable de xestión de procesos– entre a unidade de Enfermidades Infecciosas e o servizo de Xeriatría. O especialista de infecciosas Juan Corredoira estará completamente dedicado a el durante, polo menos, os próximos seis meses, mostrando aos xeriatras o mellor uso dos antibióticos en cada caso en concreto e de forma práctica. á súa vez, os xeriatras compartirán con el as dificultades na súa prescrición, como a imposibilidade de facer un cultivo nalgún momento determinado da semana e a necesidade de utilizar un antibiótico sen esperar a facelo, por exemplo.

Bacterias. Casos puntuais sen arsenal
As bacterias multirresistentes aparecen polo abuso de antibióticos ou polo uso dos de amplo espectro cando se debería utilizar o específico para determinada bacteria.

Un paciente pode infectarse dunha delas tras tomar un antibiótico ou, sen ter contacto algún con el, ao ser contaxiado por outro paciente portador.

Nalgúns casos pode ocorrer que se careza de alternativas de medicación, que xa non quede un antibiótico efectivo. "Son casos moi puntuais", admite o doutor Corrredoira.

Vellas opcións
A escaseza de arsenal terapéutico provocou que se volva a recorrer nalgúns casos a antibióticos que levaban décadas refugados pola súa toxicidade.


O obxectivo é mellorar o uso dese tipo de fármacos, non só reducindo a taxa de prescrición senón tamén afinando máis cal é o que convén utilizar en determinado momento, por canto tempo e cando cambialo. "O que persegue é seguir curando o mesmo pero con menos efectos secundarios", explica o doutor Fernández.

Os resultados iranse medindo cada pouco tempo para observar parámetros como a taxa de mortalidade, de infección, de ingresos hospitalarios ou de visitas a Urxencias. A auditoría constante deses datos permitirá facer correccións ou modificacións sobre a marcha. Ao mesmo tempo, antes do verán farase unha revisión exhaustiva para observar a evolución durante eses primeiros seis meses.

O plan conta coa implicación de varios servizos. Ademais da Unidade de Infecciosas e de Xeriatría, tamén participan Farmacia Hospitalaria e Microbiología, ademais do equipo de xerencia do Hula. "O obxectivo é facer un mellor seguimento do paciente, ofrecerlle unha mellor asistencia e seguridade sanitaria", explicou o xerente, Ramón Ares.

Pola súa banda, o director asistencial da área, Rafael Monte, recordou que o programa conta co respaldo dos diferentes equipos das catro residencias implicadas, xa que recentemente os seus xerentes, médicos e enfermeiras acudiron a unha reunión no Hula para coñecer os pormenores e mostraron o seu apoio. eles tamén coñecerán, de man do doutor Corredoira e a doutora Malfeito, cal é o mellor uso dos antibióticos, así como farano tamén aqueles centros de saúde que dan cobertura aos residentes deses xeriátricos.

Finalmente, o programa estenderase tamén a Urxencias, un servizo ao que tamén recorren moitos pacientes anciáns e fráxiles. Nese caso, os profesionais do servizo, que se enfrontan a situacións nas que teñen que tomar unha decisión rápida e dar unha resposta efectiva a infeccións, serán formados de cando é mellor prescribir un antibiótico e cando prescindir de facelo e tamén de cal é o máis adecuado.

Ademais dos facultativos xa mencionados na posta en marcha do plan tamén interveu o que foi director de procesos asistenciais do Hula e agora ocupa ese posto no hospital de Vigo, Alfredo Silva.

PROA. Estenderase a novos centros
O plan do Hula enmárcase dentro da iniciativa PROA (Programa de Optimización de Uso de Antibióticos), do Ministerio de Sanidade.

O obxectivo de PROA é conseguir mellorar o uso destes fármacos para controlar a aparición de resistencias e garantir o uso de tratamentos costoefectivos.

A área sanitaria de Lugo elixiu inicialmente centrarse nos pacientes anciáns pluripatológicos porque o plan supón un elo máis da súa estratexia da cronicidad. Comezarase por catro residencias pero o obxectivo é que no futuro, se se demostra eficaz, poida estenderse a outras e aos centros de saúde, xa que o 80% de antibióticos prescríbense en Primaria.

O Hula inicia un plan contra a resistencia a antibióticos en...
Comentarios