O Hula achega 27 casos a un estudo sobre cancro de mama avanzado

O hospital lucense é, xunto ao da Coruña, o único de Galicia que participa no rexistro
Los asistentes, ante un gran lazo formado por plantas solidarias contra el cáncer de mama y guantes rosas. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Acto con motivo do Día do Cancro de Mama. VITORIA RODRÍGUEZ

O Hula é un dos dous hospitais galegos -xunto ao Chuac- que participa no rexistro prospectivo Registem, un estudo centrado no cancro de mama avanzado para o que recrutou xa a 27 pacientes. Segundo explicou onte o xefe do servizo de Oncoloxía do hospital lucense, Sergio Vázquez, o período de captación de casos segue aberto, co que poderían aumentar no futuro.

Trátase do primeiro estudo español que analiza os datos clínicos, patolóxicos e de tratamento en mulleres con cancro de mama avanzado non resecable ou metastásico. En total, participan 38 hospitais do país e aspira a reunir datos de 1.867 pacientes, todas diagnosticadas entre 2016 e 2019, ás que se fará un seguimento durante polo menos cinco anos desde a inclusión da última paciente. é dicir, polo menos ata o próximo ano 2024.

Polo momento, xa se analizaron os datos de 485 das 1.480 pacientes recrutadas ata agora e os primeiros resultados foron presentados recentemente no congreso da Sociedade Española de Oncoloxía Médica. Entre outras cuestións obsérvase que nun terzo de casos o subtipo do cancro cambia desde o tumor primario á metástasis. A máis frecuente desas modificacións é de Luminal A a Luminal B (Her2-negativo). Coñecer esta circunstancia é clave porque esas pacientes poden empezar a beneficiarse de tratamentos específicos para ese subtipo de tumor que non se expuñan como posibilidade cando se lles diagnosticou o cancro inicialmente.

O obxectivo do estudo é o de facer unha fotografía de como está o cancro de mama avanzado en España

Tamén se conclúe que o 93% das pacientes ás que se lles cambiou o subtipo do tumor reciben un tratamento adecuado ao subtipo da lesión metastásica. A lesión metastásica máis frecuente é a ósea, que afecta ao 59% dos casos de cancro de mama avanzados analizados ata o momento.

Por outra banda observouse que o 34% das pacientes con cancro de mama metastásico xa tiñan metástasis no momento do diagnóstico, mentres que no 66% aparece por mor de recaídas tras recibir tratamento para un tumor localizado.

En resumo, o obxectivo do estudo é o de facer unha fotografía de como está o cancro de mama avanzado en España: que subtipos de tumor son máis frecuentes, como evolucionan, con que frecuencia cambian a un novo subtipo e como é o tratamento que reciben esas pacientes.

A captación de casos para o rexistro Registem seguirá este ano para dar cabida ás mulleres diagnosticadas nos últimos meses de 2019 e chegar finalmente ás 1.867 previstas.

Comentarios