Cheché Real pide "solidariedade" para evitar o peche dos locais

O presidente da Apehl apoia o requisito de presentar un certificado de vacinación ou test negativo para entrar nos establecementos
Cheché Real. AEP
photo_camera Cheché Real. AEP

O presidente de Hostalería de Galicia e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, apelou " solidariedade" e "colaboración" de todos, de clientes e de hostaleiros, para evitar un novo peche dos establecementos, que sería moi nocivo para o sector en pleno "corazón do verán".

"Temos que pornos a cuberto", dixo Real, pero "con solidariedade" e con sentido "común", porque "erradicar o coronavirus non é posible" e "temos que aprender a convivir con el" para "parar a pandemia".

O importante, dixo Real, é que as autoridades sanitarias non volvan "a pechar os restablecementos, as nosas empresas, que nos deixen traballar", pero para iso tamén apelou " colaboración" por parte do sector, mediante a solicitude do certificado de vacinación ou dunha proba diagnóstica negativa aos seus clientes.

"Hai quen di que non é policía para pedirlles o certificado aos clientes. Con todo, cando chegamos a un hotel, as persoas que estánn a recepción pídenlles o carné de identidade aos clientes para tramitar a entrada. Con toda normalidade, e ninguén se rasga por iso as vestiduras", deu Real.

Desde o seu punto de vista, se existe "colaboración" por parte de todos, "tanto de clientes como de hostaleiros, esas medidas poden axudar a controlar a pandemia sen necesidade de volver pechar os locais".

"Esa é a nosa principal premisa. Que non nos pechen. Estamos en pleno corazón do verán e estase traballando bastante ben. Por iso pedímoslle á Administración que articule calquera medida que poida axudar a controlar a expansión do virus, pero que nos non peche", insistiu.

Lamentou, en todo caso, a situación pola que está a pasar o lecer nocturno, porque moitos empresarios non poden abrir os seus establecementos –nos municipios de nivel alto ou máximo–, algo que considera inxusto, porque cumpriron rigorosamente todas as medidas para garantir a seguridade nos locais, cando na rúa hai auténticos "desenfreos".

Pola súa banda, o representante do lecer nocturno na Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), Juan Agra, recoñeceu que "moi poucos locais" abrirán a partir de hoxe na cidade, con motivo da entrada en vigor das novas restricións establecidas polo comité clínico, ao pasar a capital lucense ao nivel alto como consecuencia da incidencia do coronavirus.

Agra, copropietario de dous locais de lecer nocturno no centro histórico de Lugo, precisou que, no seu caso, xa non abriu os seus establecementos esta semana, "por responsabilidade", para evitar que se celebrase "unha especie de despedida" por parte da clientela.

A partir deste venres, ata que cambien as circunstancias, seguirán pechados, do mesmo xeito que "moitos outros" compañeiros do sector do lecer nocturno na cidade, porque, coas actuais condicións, á maioría non lles cobre manter abertos os seus negocios. 
 

Comentarios