Os hostaleiros de Lugo xa non ven "a luz ao final do túnel"

Sinalan que a situación económica do sector "é un caos" e que o sector tamén está moi tocado "psicoloxicamente"
Cheché Real. ADRA PALLÓN
photo_camera Cheché Real. A/ ADRA PALLÓN

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, recoñece que os profesionais do sector, ante a perspectiva de novas restricións á súa actividade, "xa non ven a luz ao final do túnel" e están a perder "a esperanza", tanto pola situación económica como polo desgaste "psicolóxico". 

Real lamentou que "o punto de mira" siga posto no sector da hostalería, que "cada vez está peor desde o punto de vista económico" e non percibe xa a esperada "luz ao final do túnel", porque o sector non espera xa unha recuperación na primeira parte do ano que acaba de comezar. 

"Pensamos que a recuperación non vai chegar no primeiro cuadrimestre" do ano, dixo Real, como consecuencia da situación epidemiolóxica e das medidas para facer fronte ao Covid-19, nin probablemente "no primeiro semestre" de 2020.
 
Segundo Real, a situación económica do sector "é un caos", pero o sector tamén está moi tocado "psicoloxicamente", porque os profesionais conviven coa "inquietude" e coa "incerteza" desde hai moitos meses, "pendentes cada martes" de novas decisións, ás veces en forma de restricións severas, que afectan non só á súa conta de resultados senón tamén á planificación da súa propia actividade. 

En canto á situación na provincia, recordou que "salvo na Mariña", Lugo "está a dar moi bos datos", polo que confía nas restricións non sexan tan severas como noutros lugares onde a incidencia do covid-19 está a ser moito maior. 

Comentarios