Os hostaleiros de Lugo acusan o Goberno de "ningunear" o sector con axudas "insuficientes"

Cheché Real afea ao Estado que deixe en mans de comunidades e concellos a convocatoria destes apoios
Cheché Real. ADRA PALLÓN
photo_camera Cheché Real. ADRA PALLÓN

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real, acusa o Goberno central de "ningunear" ao sector porque as axudas que expón "son absolutamente insuficientes". 

"Hai unha parte do Goberno que parece que nos ningunea, e ningunea o sector da hostalería e ao sector do turismo. Tendo a importancia que teñen a nivel nacional non entendemos como se poden presentar estas axudas ao sector porque son insultantes", denuncia Real. 

Ademais, o representante dos hostaleiros lucenses afea que o Estado deixe "en mans das comunidades autónomas e dos concellos" a convocatoria destes apoios: "Porque diso estámonos encargando xa nós". 

Cheché Real avoga por axudas "directas", aínda que desliza que "máis que axudas hai que pedir indemnizacións por non poder operar uns establecementos que están legalmente establecidos". "Estas axudas son insultantes", insiste. 

En canto á actividade da hostalería, Real apunta que haberá "pouco movemento, porque hai unha sensación de medo e hai sensación de autorregularse". 

Así, ante as comidas e ceas que se prevén para estas datas, o empresario lucense reclama que estas non se celebren "máis aló do legalmente permitido" nin do "que o sentido común" impón. 

E é que outro confinamento a inicios do 2021, como consecuencia dun aumento de contagios tras estes eventos, levaría a que o sector se vise novamente "prexudicado", advirte finalmente Real. 

Comentarios