Hostaleiros alertan de que as pombas son cada vez máis molestas e descaradas

Os ornitólogos consideran que non hai unha superpoboación destas aves en Lugo, pero si problemas puntuais
undefined
photo_camera Unha bandada de pombas abalánzase sobre unha tapa nunha terraza do Parque. SEBAS SENANDE

As pombas teñen dúas caras. Ou máis ben a sociedade ten unha dobre percepción destas aves domesticadas. Aos nenos e aos que non o son tanto failles graza darlles para comer faragullas de pan ou millo. Non lles fai tanta aos clientes de terrazas que ven como se abalanzan sobre as súas tapas. Os hostaleiros da Praza Maior e da contorna do parque Rosalía de Castro da capital lucense quéixanse das molestias que causan.

"Ás veces queda libre unha mesa e van 20 pombas a ela polos restos que quedan, coa consecuente deterioración da vaixela e enriba nestes tempos de covid", afirma o encargado dunha cafetería da Praza Maior.

Os espaventos humanos non as atemorizan se o botín merece a pena. Unha empregada dunha cafetería do parque Rosalía de Castro asegura que incluso entran dentro do local, non só actúan nas terrazas, e que se golpean despois contra os cristais" cando intentan fuxir.

Ante as molestias que lles ocasionan, esta camareira explica que lles preguntan aos clientes se queren tapa porque "se non a toman, as pombas veñen a por ela". E non rapiñan en solitario, fano en bandadas.

En Lugo dáse o caldo de cultivo idóneo para que prolifere esta especie, segundo explica Marcos Otero, da asociación lucense Numenius. Ten ao seu alcance os seus tres factores vitais: refuxio, auga e comida fácil.

A muralla ou o cuartel de San Fernando son dous pombais improvisados. As fontes do centro da cidade son outro dos lugares onde é frecuente localizar a bandadas, e a Praza Maior e o parque Rosalía de Castro son dous puntos nos que acceden facilmente ao alimento.

As pombas teñen ao seu alcance en Lugo os seus tres factores vitais: refuxio, auga e comida fácil

PROBLEMAS PUNTUAIS. Marcos Otero considera que "non hai superpoboación" destas aves en Lugo, pero "si en sitios puntuais" da capital lucense "molestan moito", aínda que precisa que os problemas "non son tan graves" como noutras cidades.

Advirte de que non é fácil controlar a súa poboación se se dan esas condicións para facilitarlle a súa estancia e enriba aliméntanse. "Nós convertemos as cidades nun hábitat para que as pombas abunden e collan confianza", afirma Marcos Otero.

Ademais, esta é unha especie que ten unhas taxas de reprodución "moi altas", pon niños dúas ou tres veces ao ano e incluso no inverno se as temperaturas son mornas. Poden ter "entre seis e oito crías", explica este ornitólogo da asociación Numenius.

"Cando lle damos faragullas no Parque e nos fai graza que se acheguen a nós, as pombas asocian a presenza humana con alimento e con alimento fácil", indica Marcos Otero, que engade que "se hai dez minutos unha persoa con cabeza, dous brazos e cinco dedos en cada man lle dá para comer, por que outra co mesmo aspecto que está sentada nunha terraza non lle vai dar a súa tapa de arroz ou empanada?".

Tamén destaca que facilita esa presenza na capital lucense que ten "poucos" depredadores porque só hai "dúas ou tres parellas de falcóns".

Entre 750 e 900 exemplares 
Estímase que na capital lucense hai entre 750 e 900 exemplares. O Concello ten contratado un plan de control a catro anos, por un importe de 10.515 euros no primeiro exercicio. Pretende reducir a poboación de pombas para minimizar as molestias que causan aos cidadáns e os danos ao mobiliario urbano e edificacións. 

Método 
O principal método que se emprega para ese control é a captura de exemplares vivos. 

O Concello fai un chamamento á cidadanía para que non dea para comer ás pombas, tal e como contempla a propia ordenanza municipal de protección e tenza de animais.

Comentarios