A Hemodinámica do futuro

A cardióloga do Hula Alba Abellas conclúe na súa tese doutoral que os stents reabsorbibles se se usan cunha técnica precisa e en pacientes seleccionados son eficaces e seguros
undefined
photo_camera Alba Abellas. EP
Todo apuntaba a que o futuro dos stent (o pequeno resorte que se coloca na arteria para abrila) son os dispositivos reabsorbibles. Sobre o papel, só teñen aparentes vantaxes. Serven para abrir o vaso e deixar paso á circulación de sangue, liberan medicamento con ese mesmo obxectivo mentres o fan e cando a arteria xa está curada degrádanse e desaparecen do corpo. Ao contrario que os convencionais, metálicos, que quedan aí encaixados impedindo unha cirurxía porque xa non permiten nin un só punto de sutura na zona, con estes si sería posible, do mesmo xeito que a recolocación doutro se o paciente desenvolve unha lesión nesa mesma zona e o dispositivo xa se ha reabsorbido.

"Sería como un andamiaje temporal, que tes montado mentres fas a obra e que unha vez acabada desaparece", explica Alba Abellas, hemodinamista do Hula que centrou a súa tese precisamente en analizar se estes dispositivos cumprían a súa función e facíano con seguridade.

O seu traballo, que lle mereceu o recoñecemento summa cum laude da USC, reúne artigos publicados en varias revistas sempre centrados nese tipo de stent colocados a pacientes do Sergas. Cando a doutora Abellas abriu a súa liña de investigación traballaba no hospital de Santiago e o stent reabsorbible que había no mercado, confeccionado cun polímero, estaba dispoñible en todos os centros.

A hemodinámica colocou máis de 40 stents deste tipo con magnesio a pacientes de Lugo con bos resultados

Saltou unha alerta sobre este dispositivo por mor de varios problemas que se empezaron a comunicar e deixou de fabricarse. Con todo, a doutora Abellas confirmou que o problema non era tanto do produto como do xeito na que se usaba. "Vimos que se se colocaba cunha técnica precisa, usando tecnoloxía de imaxe intracoronaria para dilatar ben a arteria, elixindo a medida exacta e en pacientes ben seleccionados eran eficaces e seguros" explica.

Á mesma conclusión chegou cos seguintes que se comercializaron, os de magnesio, que recibiron máis de 40 pacientes do Hula, pero que polo momento só se colocan no marco dun ensaio clínico.

A doutora Abellas explica que, no caso das unidades de Hemodinámica do Chus e do Hula, fíxose unha selección dos pacientes como se recomendaba: mozos, con lesións non graves que non precisasen máis dun ou como moito dúas stents, con pouco calcio. Os resultados foron bos, e, por exemplo, dos máis de 40 do Hula só houbo que volver operar a dous, algo que ocorre tamén cos convencionais.

Comentarios