Guadi Galego: "O de facer pan é o máis fermoso do mundo, é moi relaxante"

O concerto será este domingo ás 21.00 horas na Praza de Santa María
Guadi Galego. EP
photo_camera Guadi Galego. EP

Aparcou a súa carreira de mestra para dedicarse ao piano, a darlle forma ás costuras da súa vida a través da música e a criar o seu fillo. Atopámola facendo o xantar na súa casa. Pronto virá o rapaz do colexio e traerá fame. Así é a vida agora de Guadalupe Cribeiro Galego, Guadi Galego no escenario.

Empezou con Berrogüetto en 1997 cantando pero tamén tocando o piano e a gaita. ¿Aínda segue a coller estes instrumentos de cando en vez?

Nos meus espectáculos toco o piano. A gaita collina este verán unha vez porque o meu fillo está aprendendo a tocala. Había moito tempo que non a collía.

E deu pé con bóla?

A que tivo, retivo pero non estou como para sacar a gaita ao escenario agora.

Hai xa doce anos que empezou a súa carreira en solitario. Atopou o seu camiño soa?

Non creo nos camiños. Hai un camiño só que é o da vida pero, durante o tempo que vivimos, recorremos cachiños de distintos camiños. Eu sigo mudando.

Aínda así, foron varias as súas colaboracións con outros artistas. Prefire verse arroupada por outros?

Compartir é algo fermoso e, ás veces, apetece tocar ou cantar con outra xente. Tampouco teño a sensación de facer as cousas soa. Sempre comparto ideas e proxectos con moita xente. Emprender unha carreira en solitario é difícil para calquera pero sendo muller e dedicándose a escribir cancións, máis. Si é certo, tamén que o meu público maioritario son mulleres.

"Faime moita ilusión ir ao San Froilán porque é a festa galega por excelencia"

Que explicación lle dá a iso?

Ten que ver coa afinidade e a sensibilidade. É máis difícil para unha muller acceder a diferentes palcos pero tamén por pronunciarte dunha determinada maneira.

Recibiu tres premios Martín Códax, un Premio da Crítica e outro á Promoción da Realidade Plurilingüe. Que ten a súa música para tanto galardón?

Hai xente que nin se presenta aos premios. Non me considero mellor nin peor por gañalos. Simplemente polas circunstancias danchos pero só son premios ao final. Non lles dou moita importancia. Só significan que hai alguén que sente que conecta contigo por algo. Si, gañei premios pero outros, en cambio, non mos deron.

Cal sería o seu mellor premio?

O mellor premio para min é facer camiño, que o público pague entradas para verte pois iso demostra o importante que é a túa música para as súas vidas. Ao final, cando facemos música é por satisfacción e para comunicar e sínteste moi afortunada.

Un dos premios Martín Códax que recibiu foi na categoría pop-indie pero empezou no folk. Que etiqueta lle poñería á súa música?

Fuxo de todas as etiquetas. Cada vez son máis autora.

Que nos trae Costuras, o último disco?

É un traballo que vai do íntimo ao global, ten moita enerxía, é moi emocionante.

Como é a súa vida fóra do escenario?

Teño dúas crianzas e saco as horas que podo para tocar.

"Cando facemos música é por satisfacción e para comunicar"

Como se meteu na música?

Sempre escoitei música pero entrei por casualidade na profesión. Meu irmán é acordeonista. Todos os meus irmáns tocan algo e eu estudei Música de pequena e despois seguín formándome pouco a pouco.

É certo que unha vez dixo que se non se dedicase á música, sería panadeira?

O de facer pan é do máis fermoso do mundo. Gústanme as masas.

Faino coa panificadora do Lidl?

Si, teño outra, pero tamén na do Lidl. Facer o pan pode ser moi relaxante pero outra cousa é dedicarse a iso porque é moi traballoso e os horarios dun panadeiro son duros.

Ilusionada con vir a Lugo?

Levo catro anos sen pisar Lugo. E faime moita ilusión ir ao San Froilán porque é a festa galega por excelencia. Ademais, toquei máis veces na Coruña, en Compostela, en Pontevedra e en Ourense do que o fixen en Lugo!

Veu moitas veces ao San Froilán para gozar da festa?

Miña irmá vive perto de Lugo e eu tamén vivín aí uns meses hai dez anos. Así que algunha vez si que vivín tamén as festas.

Comentarios