O grupo provincial do PP dá o seu apoio unánime á reelección de Elena Candia

A actual presidenta optará á reelección o próximo 19 de setembro no XVIII Congreso Provincial da formación política
Elena Candia. ARCHIVO
photo_camera Elena Candia, presidenta do PP de Lugo. AEP

O grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo avalou de forma "unánime" a Elena Candia de cara ao XVIII Congreso Provincial da formación política, que se celebrará o próximo 19 de setembro, no que a actual presidenta provincial optará á reelección.

Logo de avalar a súa candidatura, en nome de todos os deputados populares, o portavoz do grupo, Javier Castiñeira, precisou que lle deron o seu apoio "a quen liderou este grupo durante anos, a quen chegou a ser presidenta da Deputación e a quen coñece as necesidades dos lucenses e ten un proxecto para a provincia".

Desde o seu punto de vista, a "candidata está fortalecida grazas a un traballo realizado con rigor e moita decidicación", ademais de engadir que, co seu liderado, o PP está preparado para chegar "ao goberno da Deputación".

Están chamados a participar nese congreso os membros natos da xunta de directiva —141 en total— e da comisión, así como os compromisarios electos —618 en total—, 600 do Partido Popular e 18 de Novas Xeracións.

A xunta directiva aprobou por aclamación á comisión organizadora, que estará integrada por sete mozos, pertencentes ás agrupacións de Lugo, Burela, Vilalba e Sarria. 

Comentarios