Gran debut da carreira contra o cancro

Unhas 800 persoas de todas as idades e de distintos lugares sumáronse á iniciativa da Aecc para recadar fondos

A Praza Horta do Seminario e a súa contorna engalanáronse este sábado para acoller a primeira carreira solidaria que organizou a delegación lucense da Asociación Española contra o Cancro en Lugo, a cuxo fronte está Mariluz Abella. O diñeiro recadado coas inscricións e os donativos irá integramente ao colectivo, que presta apoio de diverso tipo a persoas con cancro e aos seus familiares.

á iniciativa Aecc en Marcha sumáronse uns 800 lucenses e persoas chegadas doutras localidades. "Moitas apuntáronse a última hora", explicaban este sábado membros da asociación.

A cita arrincou ás 19.00 horas cunha marcha popular polo adarve da muralla. Unha hora máis tarde comezaron as competicións propiamente ditas.

Os vencedores da milla absoluta foron Xabier Díaz, do Lucus Caixa Rural Galega; Xián Rodríguez, do Real Club Celta de Atletismo; e Adrián Castro, do Fluvial de Lugo Monte Segade.

Na categoría feminina alcanzaron os primeiros postos Paula Ferreiros, da Ría de Ferrol; Ana Belén González, do Fluvial Monte Segade, e Karina Pasarín, do Verxel Nutrición Deportiva.

Nas categorías infantís e xuvenís tamén houbo moita participación e o bo ambiente reinou durante toda a tarde-noite.

A entrega de premios contou con representantes das institucións e as empresas colaboradoras, como a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; os deputados provinciais Álvaro Santos e Sonsoles López, e a presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro.

A iniciativa da Aecc tivo unha gran acollida, coa participación de familias ao completo, de delegados da asociación noutras localidades, como a delegada de Sarria, María Paz López, e de representantes de distintos partidos políticos, como o candidato á alcaldía, Ramón Carballo, e varios concelleiros.

cancer2

CANCER3

MARCHA CONTRA O Cancer LUGO

Comentarios