Goy: "É posible que á beira do río haxa máis fontes de auga quente"

A historiadora sinala pistas documentais e casos como Ourense, Bande e Chaves, pero pide prudencia para non crear falsas expectativas, xa que atopar novos mananciais en Lugo sería un salto cualtitativo para a cidade
Termas de As Chavasqueiras, en Ourense
photo_camera Termas de As Chavasqueiras, en Ourense

As instalacións termais ao aire libre e de carácter lúdico son un elemento dinamizador e xerador de riqueza para moitas localidades —Ourense é o caso máis paradigmático— polo que atopar novos mananciais en Lugo sería un salto cualtitativo para a cidade. O Concello encargou ao Centro de Estudos da Historia da Cidade, que depende da USC e dirixe Ana Goy, que explore esa posibilidade, e aínda que a profesora e investigadora pide cautela e deixa claro que "neste momento aínda non temos datos para afirmar que imos atopar algo" tamén cre que "é posible".

O equipo de traballo apóiase nalgunha pista documental que xa atopou e no estudo comparativo de casos como o de Ourense, Lobios ou Chaves, onde hai balnearios e, nas inmediacións, outras fontes termais. Os investigadores acharon unha referencia bibliográfica dunha fonte cun estanque moi antigo —que podería ser da época dos romanos, di o documento— na marxe dereita do río, fronte ao balneario. Con todo, aínda que este indicio confirmásese, o manancial non podería explotarse, xa que estaría dentro do ámbito de protección do balneario.

A lexislación establece unha zona de cautela de cen metros, explica Goy. "Temos moi claro que este proxecto nunca podería entrar en conflito co balneario. Non podemos pór en perigo o que hai, espir un santo para vestir outro", afirma a investigadora.

No libro Dos mil anos del balneario de Lugo, que se publicou recentemente, cóntase que existe constancia doutros puntos de carácter termal na contorna do balneario —poida que incluso algún máis no interior— e no río. Con todo, Goy recalca que todas as fontes termais que se coñecen nesa zona están a ser utilizadas polo balneario. Algunhas están baixo o edificio e outras na canle.

Goy cre que a aparición doutros mananciais termais en zonas nas que se puidesen explotar sería unha noticia importante para unha cidade que carece de mar e, de momento, tamén de praia fluvial. Existen referencias de augas ferruginosas tanto na contorna do río Miño como do Rato, pero non se sabe se serían quentes.

Neste momento, catro persoas están dedicadas ao estudo de todo o fondo documental e archivístico do Concello, en busca de referencias que puidesen pór sobre a pista dalgunha outra fonte termal. "Ese baleiro documental é importante porque, haxa ou non haxa algo, xa o saberemos para sempre. Atopamos, por exemplo, referencias de fontes ferruginosas que se cegaban porque cheiraban moi mal, pero non sabemos se eran ou non termais", explica Goy.

"Non hai que crear falsas expectativas, pero se nos atemos a outros casos, como os de Ourense, Bande, Lobios, Chaves..., e a algunhas evidencias documentais, cremos que é posible que haxa outras fontes", explica a investigadora.

Goy prevé que esta primeira fase de estudo quede terminada durante o próximo mes e, se o equipo conclúe que hai algunha posibilidade de atopar algo no terreo e de acordo co Concello, a posteriori farase algunha prospección xeolóxica. A zona termal máis coñecida e aproveitada en Galicia é a que rodea As Burgas, en Ourense. Ademais da piscina termal que hai en plena cidade, na contorna hai diversas pozas, como as da Chavasqueira, Outariz e Muíño da Veiga. Algunhas están en recintos e son de pago —con prezos alcanzables— e outras son de acceso libre.

OUTROS CASOS. Na contorna dos municipios de Bande, Lobios e Ribadavia, entre outros, tamén hai mananciais termais gratuítos que completan a oferta de pago. En Bande, as augas brotan entre os restos de instalacións de época romana e son utilizadas polos veciños de poboacións próximas. Cando o nivel da auga baixa no encoro das Conchas, que comparten os concellos de Lobeira, Muíños e Bande, tamén deixa ao descuberto a zona termal do Baño.

O río Caldo debe o seu nome ás súas augas quentes e é posible gozar do seu poder salutífero na piscina termal existente na contorna, ademais das acondicionadas polos propios bañistas no río. Moi preto está o balneario de Lobios.

Non é nada estraño, xa que logo, a existencia de varias fontes nunha mesma área de determinadas características xeolóxicas. Esa é, agora, a esperanza de Lugo.

Comentarios