Os 'gorrillas' negan que gañen moito e non se irán do Hula

Aseguran que é falso que leven uns 50 euros diarios, defenden que a maioría non ameazan e desprezan o aviso da alcaldesa sobre a posibilidade de que se lles retire a Risga
Uno de los gorrillas, el miércoles por la mañana en el Hula. XESÚS PONTE
photo_camera Un dos 'gorrillas', o mércores pola mañá no Hula. XESÚS PONTE

Son as dez e media da mañá e a fila de coches aparcados a ambos os dous lados chega case ata a rotonda de acceso á rúa principal do Hula. O leirapárking segue fóra de servizo, aínda que loce unha nova capa de grava miúda que xa se levanta nalgúns puntos con só camiñar por enriba porque este mércores choveu.

Aos gorrillas do Hula, con todo, fíxolles algo a puñeta, ou iso din, "porque alí non dan moito", segundo explica un dos dous únicos aparcacoches que seguen alí a esas horas. Os dous están centrados na zona vip, a máis próxima á entrada principal, "porque é onde hai máis movemento, nos laterais se cadra botas catro horas e non fas nada". A mellor hora é de 8.30 a 10.00, porque antes "son todos os médicos, que case non dan" e logo xa chegou a xente para as consultas, "e hai moi pouco movemento".

Son xitanos e primos. Gen é un histórico, aínda que asegura que el apenas fai de gorrilla e que este mércores só lle coincidiu porque ten un neto ingresado e baixou un momento para sacar para un café. O seu coñecemento do negocio, con todo, parece indicar outra cousa. Ten 48 anos, tres fillos e nove netos, pero xa non cobra a Risga máxima porque non ten menores ao seu cargo; tense que apañar, di, cos 360 euros da axuda que cobran para el e a súa muller: "Estou a pagar de piso 210, e logo a auga e a luz; quédanme 70 para comer".

A 'PITONESA'. Así que se busca a vida á sombra do Hula, como os outro sete habituais que a Policía Local di ter identificados e gañando, segundo os seus cálculos, uns 50 euros ao díamáis de 900 ao mes, por encima do salario mínimo interprofesional. "Iso lino o martes no feibor, e díxenllo á miña muller, que saía ao mes 1.500 euros". Gen cóntao entre risas, coma se fose un chiste: "Iso ninguén. Hai xente que saca 15, outros, 20, outros 25. Pero é que son moitos. Se o xuntan todo, pois si que serán 50".

O que non leu en Facebook foi a parte na que a alcaldesa, Lara Méndez, os ameazaba con algo que, doutra banda, tampouco está na súa man: retirarlles o Risga e as axudas sociais, que paga a Xunta. "Non vin iso da Risga. ¿Quen dis que nolo vai a quitar, a Pitonesa? Esa si que se busca a vida ben coas cartas", responde Gen, que confunde á alcaldesa coa xuíza do tarot e ao que non parece que as ameazas lle causen moito efecto.

"Ás veces veñen os señores xa enfadados con outras persoas de casa e págano connosco. E iso non o toleramos", di un 'gorrilla'

OS PAYOS RACISTAS. E é que, segundo eles, a maioría dos que extorsionan aos condutores por alí non cobran a Risga, porque son novas e non teñen menores ao seu cargo. É o caso do curmán de Gen, un rapaz de 20 anos de aspecto cuidadísimo e á moda que vai ás veces a facer de gorrilla, "cando non hai feiras. Teño que vir para aquí porque non nos queren contratar".

Exprésase con moita corrección e contención, aínda que talvez conteña mellor os seus modos que as súas palabras: "Os payos cobrades 1.500 euros ao mes porque estades a traballar. Nós esa oportunidade non a temos porque os payos son racistas. Eu estiven en cursos de caixeiro, de cociñeiro, de camareiro, de perruqueiro... teño o meu curriculum. Pero hai pouco houbo unha entrevista para caixeiro repoñedor e ninguén chama a un xitano, non nos contratan, a oportunidade aos xitanos non lla dan, danlla aos inmigrantes".

Carga tamén contra a alcaldesa e "os políticos corruptos", que só din "mentiras". "Non nos sacamos 50 euros ao día. Se cadra un día fas 20, 25, 30 euros. 40 é o máis. Mira o que levamos desde as 10 da mañá", lamenta mentres ensina unhas moedas.

Porque, coinciden ambos, iso de que esixan cinco euros por aparcar é falso, eles viven da vontade, que ao parecer agora tamén cotiza á baixa: "Os señores xa non dan. Se cadra por aparcar un coche danche trinta céntimos", asegura este mozo, "e algún que lle toca o corazón dáche tres ou cinco euros. Ou se lle ensinas a factura do leite infantil vai e cómpracha. A min moitas veces compráronme un bote para a miña sobriña".

POR DESESPERACIÓN. Fronte á sensación de ser extorsionados que teñen moitos usuarios do Hula, el recoñece que algún dos seus compañeiros poida que actúen así, pero é porque se atopan desesperados. Se tes uns fillos pequenos e nada para que coman hoxe, ¿como te vas poñer?".

Se a reacción violenta é ao revés, o seu punto de vista xa non é o mesmo: "É que hai veces que veñen os señores xa enfadados con outras persoas de casa e págano connosco. E iso non o toleramos, non somos desa mala raza. Se vés enfadado, nós imos enfadarte peor e vas saír perdendo, porque te vas levar dous guantazos e vas marchar a chorar. Se che falamos con educación, non tes por que faltarnos ao respecto, contestas con educación".

​"A Policía Local múltanos, se vén tes que marchar; á terceira vez que te identifican no día lévante para os calabozos" 

A LOCAL IMPÓN. En calquera caso, non parece que as ameazas da alcaldesa surtisen grande efecto neles. Só a presión policial parece afectarlles minimamente, como explica o máis novo: "A Nacional contrólanos para que non lles digamos nada aos señores, non rompamos os coches e esa serie de cousas, pero deixa seguir aparcando. Pero a Policía Local múltanos, se vén tes que marchar. A min dáme igual que me multe, porque eu non o pago, pero quedan aquí e á terceira vez que te identifican no día lévante para os calabozos, e queiras ou non queiras no calabozo pásase mal".

"Non estamos aquí para facer dano a ninguén", razoa, "senón porque o necesitamos. No mercado vendemos uns trapos e non nos deixan estar, aquí tampouco. ¿Que queren, que roubemos? E se roubamos lévannos para o talego...". Vamos, que non se van.

Concello e Xunta seguen á gresca
O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, respondeu aos reproches que o día anterior lle fixo Lara Méndez, que reclamou á Xunta que retire a Risga aos gorrillas que a cobren e que obrigue á concesionaria do aparcadoiro do Hula a baixar tarifas. Balseiro aclarou que estudarán os expedientes cando llos manden para ver se é posible e legal actuar sobre a Risga, pero instou á alcaldesa "a deixar de facer demagoxia" e preocuparse por crear máis prazas de aparcadoiro públicas e a controlar os gorrilas coa Policía Local.

Terreos municipais 
Méndez, polo seu lado, recordoulle que foi o Concello o que cedeu o terreo para o aparcadoiro do Hula para que houbese prezos baixos e que ela creou as prazas do leiraparking.

Comentarios