O último golpe ao narcotráfico en Lugo retira do mercado máis de 600 gramos de cocaína

A Policía Nacional desarticulou dous puntos de venda de droga na capital e un en Monforte. A operación saldouse con catro detidos
undefined
photo_camera A droga e os efectos incautados aos detidos. EP

Unha nova operación contra o tráfico de drogas na capital lucense, levada a cabo pola Policía Nacional, saldouse con catro detidos de entre 22 e 37 anos, todos eles con antecedentes por delitos contra a saúde pública

Tal e como sinalou este mércores o portavoz do corpo, estes arrestos son froito dunha investigación posta en marcha polos axentes para a comprobar a suposta implicación dun antigo traficante na venda de drogas na cidade, "xa que detectaran un aumento da trasfega de consumidores habituais de cocaína" polas proximidades do seu domicilio. A Policía despregou un amplo dispositivo de vixilancia e interceptou dous supostos clientes, "comprobando que un deles levaba enriba 25 doses de cocaína e que o outro tiña no seu poder uns 50 gramos desa substancia".

Os investigadores chegaron á conclusión de que o xefe da trama se dedicaba á distribución de cocaína entre os camelos da cidade, que se encargaban posteriormente da súa venda polo miúdo. De feito, os axentes seguiron a outro dos homes que acudira ao domicilio do sospeitoso e interceptárono cando ía camiño da súa residencia, en Monforte de Lemos, con cen gramos de cocaína.

"Ao recibir información do que estaba a suceder", explicou o portavoz policial, "o principal sospeitoso decidiu saír da súa casa nun taxi, que o recolleu diante do inmoble. E cando os policías pararon o vehículo, o home arroxou polo portelo unha mochila na que levaba case 300 gramos de cocaína, así como substancias para cortar a droga e os útiles necesarios para manipulala".

No transcurso desta operación —que permitiu desmantelar tres puntos de venda de drogas, dous en Lugo e un en Monforte de Lemos— os axentes da Policía Nacional interviñeron máis de 600 gramos de cocaína, cun valor de mercado de 16.000 euros, ademais de 1.000 euros en efectivo, varios teléfonos móbiles e útiles para pesar e manipular a droga. Os catro detidos foron trasladados o martes aos calabozos da Rúa Chantada á espera de pasar a disposición xudicial.