O goberno de Lugo replica ao PP que a espera media por unha licenza é de 144 días

Miguel Couto admite que aínda non se cumpre o prazo legal de tres meses, pero recorda que foi o pasado abril cando foi reforzado o servizo, onde agora hai cinco arquitectos
El viejo Xeral de Lugo. X.PONTE
photo_camera O vello Xeral de Lugo. X.PONTE

O concelleiro de urbanismo, Miguel Couto, respondeu este mércores á análise realizada polo grupo municipal popular sobre o prazo de resolución das solicitudes de licenza de obra e asegurou que, fronte ao dato ofrecido de que se tardan 376 días de media, o edil socialista rebaixounos a 144.

Segundo Couto, os populares ofrecen "cifras que son nesgadas", xa que di que non foron 126 as solicitudes que o servizo de licenzas tramitou no período analizado —do 1 de xaneiro ao 2 de outubro de 2019— senón que en total resolvéronse 331. Por iso, o edil considera que a media se rebaixa ostensiblemente, aínda que admitiu que aínda non se achega ao prazo máximo legal de tres meses. En todo caso, recorda que o servizo se reforzou en abril pasado e conta con cinco arquitectos, polo que os prazos para tramitar permisos iranse reducindo.

O concelleiro tamén quixo aludir a algunhas das licenzas que citou o PP, entre elas a solicitada pola Consellería de Sanidade para construír o Centro Integral de Saúde no antigo materno-infantil. Segundo Couto, que a concesión do permiso tardase 304 días obedece a que o procedemento se paralizou ata en catro ocasións nas que foi requirida polos técnicos á Xunta documentación adicional, porque o proxecto estaba incompleto. Por iso, insistiu en que a consellería non achegou toda a documentación ata maio deste ano, o mesmo mes no que se aprobou a licenza.

Ademais, o edil de urbanismo recordou que o PP non ten en conta que a ordenanza fiscal do Concello permite que cando outra administración pide unha licenza non se lle cobre inicialmente a taxa e poida facerse cando a obra teña adxudicatario, para que asuma o pago a empresa. Neste sentido, recorda que ata que a taxa non é abonada a licenza non vai a xunta de goberno e puxo o exemplo de dúas solicitadas pola Xunta para a nova oficina de emprego no vello Xeral e para a rehabilitación do cubo XXXI de muralla, rexistradas hai 83 e 88 días, pero que non foron aprobadas aínda porque non se fixo efectivo o pago da taxa correspondente.

"Non hai Garañón porque se cumpre o planeamento"
Miguel Couto descartou que a parcela edificable que o IGVS posúe xunto ao novo auditorio de Magoi e que a oposición pide que se recalifique como chan dotacional non corre o risco de converterse noutro Garañón. Segundo o edil de urbanismo, o PXOM ofrece a posibilidade de construír no solar edificios de cinco plantas, que di que son as alturas permitidas nesa zona. "Se imos cuestionar o que di o planeamento sería xerar inseguridade xurídica", engadiu.

Vivendas públicas
Couto tamén ironizou sobre as declaracións de Ramón Carballo nas que dixo que o IGVS non contempla construír nesa parcela vivenda pública. "Non é de estranar porque nos Orzamentos a Xunta non prevé facer ningunha vivenda na cidade", comentou.

Comentarios