O Goberno de Lugo renovará o alumeado das rúas Montirón e Mapoula

Este martes aprobouse o procedemento de licitación, que sairá cun orzamento base de 82.056,76€ e un prazo de execución de 8 semanas 
Alexandre Penas e Rubén Arroxo. EP
photo_camera Alexandre Penas e Rubén Arroxo. EP

O Tenente Alcalde e concelleiro responsable da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo aprobou este martes o inicio do procedemento de licitación para renovar a rede de alumeado público nas rúas Montirón e Mapoula, no treito que vai da rúa San Roque á Ronda das Mercedes. Rubén Arroxo explicou que “o alumeado actual ten xa máis de 20 anos, e quedou obsoleto, dado que algunhas das luminarias utilizadas na zona xa non se fabrican”.

A instalación actual está formada por luminarias de Vapor de Sodio de 150W e luminarias fluoresecentes de 70W, que “serán substituídas por luminarias LED con consumos inferiores e cunha mellor luminosidade”, explicou Arroxo, que engadiu “isto permitirá, ademais de aforrar no gasto realizado polo concello en enerxía eléctrica, mellorar a seguridade das veciñas e veciños, aplicando tamén a perspectiva de xénero”.

O Goberno de Lugo aprobou en Xunta de Goberno a apertura do procedemento de contratación desta actuación, que sairá cun orzamento base de licitación de 82.056,76€ e un prazo de execución de 8 semanas. Rubén Arroxo lembrou que desde a área de Mobilidade e Infraestruturas adicaron máis de 2.450.000€ na renovación do alumeado público da cidade, onde se substituíron en moitas zonas luminarias con elementos contaminantes como o vapor de mercurio ou sodio por luminarias LED de baixo consumo e mellor eficiencia enerxética.

Comentarios