O gasto municipal por lucense ascende a 800 euros

A concelleira de Economía explicou que o nivel de execución orzamentaria chegou ao 76%

Ana Prieto. VÁZQUEZ
photo_camera Ana Prieto. VÁZQUEZ

A concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico de Lugo, Ana Prieto, sinalou este luns na correspondente comisión municipal, na que presentou a Conta Xeral do Concello de Lugo correspondente a 2017, que o nivel de execución orzamentaria no exercicio chegou ao 76%, cun gasto por lucense de 800 euros, mentres que a presión fiscal quedou en 600.

Ana Prieto comentou que, no capítulo de gastos, ese 76% de execución sitúa ao Concello de Lugo na media dos municipios galegos e tamén no ámbito nacional, de acordo cos datos publicados polo Goberno de España na súa web oficial.

En canto aos ingresos, a execución situouse no 83% da cantidade prevista inicialmente.

A edila quixo pór en valor estas cifras e subliñou que son "datos positivos", tendo en conta de que en 2017 o Concello de Lugo funcionou cuns "orzamentos prorrogados", por mor da negativa da oposición a apoiar en pleno a proposta formulada polo goberno local.

Esa circunstancia fixo que non puidese executarse "o capítulo de investimentos, ao carecer de consignación", comentou Ana Prieto.

Ademais, destacou que esa conta xeral tamén pon de manifesto que o Concello de Lugo ten unha débeda financeira cero e cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria e coa regra de gasto. 

Comentarios