O gasóleo A costa menos dun euro en 14 estacións de servizo lucenses

Este prezo non se rexistraba desde a caída de 2018. Inflúe o descenso do consumo e o pulso Rusia-Arabia Saudita
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Unha gasolineira de Lugo, co gasóleo por baixo do euro. VICTORIA RODRÍGUEZ

Cando os particulares non poden coller o coche, salvo aqueles que o utilicen para ir traballar en actividades consideradas esenciais, resulta que é cando os prezos do carburante están máis baixos. Catorce estacións de servizo da provincia de Lugo —tres delas sitas na capital lucense— ofrecen o gasóleo A por baixo dun euro o litro.

A gasolineira na que resulta máis económico respostar este tipo de combustible de automoción, a 0,949 euros o litro, atópase en Ribadeo. Son cinco céntimos menos que as tres de Lugo que tamén dispensan este carburante a menos dun euro.

Dúas son as principais causas deste abaratamento, unha é conxuntural, a caída do consumo polo confinamento dos cidadáns, e outra é estratéxica, o pulso que manteñen dous dos principais produtores mundiais, Rusia e Arabia Saudita, no medio da crise global causada pola pandemia do coronavirus.

Hai que remontarse á caída dos prezos que tivo lugar en 2018 para atopar uns importes similares aos que se están rexistrando estes días de urxencia sanitaria.

O prezo da gasolina de 95 octanos tamén está a rexistrar mínimos

HAI TRES SEMANAS. Sen ir máis lonxe, antes de que se declarase o estado de alarma en España o gasóleo A custaba uns 20 céntimos máis. Aínda que entón o seu prezo xa estaba a tender á baixa polo descenso do consumo mundial provocado pola contención en China, que aplicou severas restricións na circulación polo Covid-19.

O prezo da gasolina de 95 octanos tamén está a rexistrar mínimos. Na provincia de Lugo pódese encher a 1,037 euros nunha estación de servizo de Vilalba.

As diferenzas de cinco ou seis céntimos que se rexistran entre unha gasolineira e outra pódese deber a que unhas son de autoservizo e as outras son atendidas, co que estas últimas teñen que facer fronte a maiores aos custos de persoal, o que se acentúa nunha situación como a actual na que o consumo se desplomou en polo menos un 75%.