sábado. 07.12.2019 |
El tiempo
sábado. 07.12.2019
El tiempo

Garicano acusa ao 'nacionalista' Feijóo de vetar a Cidadáns na TVG

Garicano, na muralla con Marta Rivera da Cruz e Olga Louzao. EP
Garicano, na muralla con Marta Rivera da Cruz e Olga Louzao. EP

O cabeza de lista da formación ao Parlamento Europeo fixo un paseo electoral por Lugo

O cabeza de lista de Cidadáns ao Parlamento Europeo, Luís Garicano, acusou este xoves ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de impor un “veto” á participación do seu partido nos medios de comunicación públicos de Galicia durante esta campaña electoral.

Logo de realizar este xoves un paseo electoral polo centro histórico de Lugo, Garicano criticou que Núñez Feijóo “está a utilizar os medios públicos de todos os galegos como a súa propia leira particular”.

O martes 16 de abril o espazo Bos Días da TVG emitiu un debate en directo dunha hora de duración "coas forzas políticas con representación no Congreso, PP, PSOE e En Común-Unidas Podemos, ademais das forzas políticas significativas, En Marea e BNG", segundo indicaba a propia televisión autonómica.

Cidadáns logrou un único deputado pola Coruña en xuño de 2015, que non conseguiu revalidar en xuño de 2016, carece de representación no Parlamento galego e a súa presenza é testemuñal nos 313 municipios galegos, con apenas unha vintena de concelleiras dos máis de 3.000 que conforman as corporacións locais nesta comunidade.

Tras o debate, a candidata número un pola Coruña, Marta Rivera de la Cruz e outros dirixentes nacionais de C's mostraron a súa desconformidade coa decisión da TVG de non invitalos.

Este xoves, en Lugo, Garicano tachou de "inaceptable” este veto e asegurou que “mostra a preocupación que ten o señor Feijóo ante un partido que emerxe e que mostra crecente forza en Galicia”.

FEIJÓO, "NACIONALISTA". Ademais das críticas pola decisión da TVG de non incluír a ningún candidato de Cidadáns no seu debate, distintos dirixentes do partido, como Juan Carlos Girauta, levan días insinuando nas redes sociais que Núñez Feijóo é un nacionalista galego e que o castelán está discriminado en Galicia coa permisividade do dirixente do PP.

Mediada a campaña electoral, Garicano asegurou estar moi satisfeito co rumbo da mesma en Galicia “a pesar do boicot” que a Xunta trata de impor e apuntou que as previsións do partido son sacar escano “en todas as provincias galegas” o próximo 28 de abril.

Na súa intervención, o representante de Cidadáns trasladou algunha das medidas para Galicia propostas polo partido, como a defensa da declaración como Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacra, destino que visitará tras o seu paseo por Lugo.

Así mesmo, Garicano aproveitou as características da provincia de Lugo, unha das “máis envellecidas de España”, para retomar iniciativas da organización en materia de demografía, como a súa proposta de rebaixar un 60 % o IRPF para aquelas persoas que vivan “en zonas de alto risco de despoboamento” ou os créditos fiscais para as familias numerosas. 

A cabeza de lista ao Parlamento europeo por Cidadáns visitará ademais, entre xoves e venres, localidades como Santiago de Compostela, Boiro ou Vilagarcía.

Garicano acusa ao 'nacionalista' Feijóo de vetar a Cidadáns na TVG
Comentarios