García Montenegro destaca o papel da lectura na formación ao entregar os Premios Muralla

Daniel Osorio e Carlos Álvarez, alumnos da Divina Pastora, foron galardoados cunha viaxe a París e 500 euros. Todas as provincias galegas estiveron representadas na entrega da décimo quinta edición das distincións

Gañadores e finalistas da décimo quinta edición dos Premios Muralla reuníronse onte na sede de El Progreso para recoller os galardóns, a maioría nerviosos pero tamén contentos. Durante o acto, a presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, dirixiuse aos rapaces para encomiar o seu traballo e recordarlles a importancia da lectura na súa formación. Ésta, xunto á escritura e a pintura -dúas afeccións que pretenden promover os premios- son claves "para lograr ser cidadáns máis libres", recordou.

Blanca García Montenegro: "Nun momento como este, coa invasión de información que hai, a lectura axuda a facer mellores cidadáns"

"Nun momento como este, coa invasión de información que hai, a lectura ensínavos a discernir mellor que é importante e axúdavos a ser mellores e máis libres", dixo.

Pola súa banda, o alcalde, José López Orozco, destacou que o feito de que houbese representantes de todas as provincias galegas entre os finalistas deixa en evidencia o coñecemento que se ten sobre a muralla, protagonista do certame. "A muralla non é nosa, dos lucenses, é patrimonio universal e queda ben representado aquí", dixo.

Daniel Osorio e Carlos Álvarez, alumnos do colexio Divina Pastora Salesianos, obtiveron o primeiro premio de debuxo e redacción, respectivamente, co que recibiron unha viaxe a París para ir coa súa familia e 500 euros. Os dez finalistas-cinco en cada categoría- fixéronse cun equipo de reprodución musical e os dous colexios distinguidos -o Ceip Plurilingüe Isidro Parga Pondal (Oleiros) e o centro Salesianos Divina Pastora, de Lugo- un equipo informático.

Os Premios Muralla están organizados polo Grupo El Progreso en colaboración coa Xunta, USC, Deputación Provincial e Concello de Lugo. Este ano presentáronse un total de 2.523 traballos dos que a maioría -como en anos anteriores- foron debuxos (2.223) fronte a 300 redaccións, procedentes todos eles de 40 colexios de toda Galicia.

José López Orozco: "A muralla non é nosa, dos lucenses, é patrimonio universal e iso queda ben representado neste acto"

Os galardóns non só distinguen a habilidade persoal dos participantes, senón que tamén premian a aqueles centros educativos que destacan pola calidade dos seus debuxos e textos remitidos ao certame.

Nesta edición resultaron galardoados o colexio Divina Pastora Salesianos -onde estudan os dous gañadores individuais e un das finalistas de redacción- e o Ceip Plurilingüe Isidro Parga Pondal de Oleiros. O director do primeiro, Xabier Blanco, e unha docente do segundo, Sandra Ledo, foron os encargados de recoller as distincións colectivas. Ademais as titoras dos dous rapaces que obtiveron o galardón individual tamén se fixeron cun obsequio.

Comentarios