García e Teijeiro, os piares do goberno de Candia

O saviñádigo Juan Carlos Armesto perfílase como portavoz

O exalcalde de Sarria José Antonio García e a concelleira do PP de Lugo Mari Teijeiro serán dous dos deputados con máis peso no goberno de Elena Candia, que convocou para hoxe a todos os membros do seu grupo para abordar a organización do futuro goberno.

O papel que no grupo ían ter García e Teijeiro xa quedou claro no pleno de investidura, no que os deputados ocupan os postos no salón en función do papel que desempeñarán. eles dous sentaron nas cadeiras de brazos máis próximas a Elena Candia.

Teijeiro ocúpase no seo do grupo popular no Concello de Lugo de todos os asuntos relativos a servizos sociais, nos que ten unha gran experiencia, polo que podería asumir tamén esas competencias na Deputación, ata agora en mans do BNG.

Tanto Teijeiro como García non desempeñan labores de goberno nos seus respectivos concellos, polo que disporán de máis tempo para dedicarlle á deputación que moitos dos seus compañeiros de grupo.

Outro dos postos con máis peso no futuro goberno provincial será o de portavoz, para o que se perfila o primeiro tenente de alcalde do Saviñao, Juan Carlos Armesto, aínda que a decisión definitiva tomarase hoxe na reunión do grupo provincial.

Comentarios