O Garañón, conta atrás polémica

O goberno formalizou o inicio do proceso para a derriba e o PP reclama a Lara Méndez que detalle o custo para os lucenses da "hipoteca" que supón o frustrado proxecto urbanístico
undefined
photo_camera Vista das controvertidas e xa moi deterioradas torres do Garañón. SEBAS SENANDE

Como estaba previsto, o goberno local activou este mércores a conta atrás para a derriba do Garañón, xa que a xunta de goberno aprobou o inicio dos trámites para declarar eses terreos xunto ao parque como zona verde.

Foi o inicio dun proceso ao que lle quedan meses por diante e que non estará exento de controversia, sobre todo polas indemnizacións que haberá que pagar á propiedade dos terreos.

No custo que esa operación vai ter para os lucenses incidiu o viceportavoz do PP, Antonio Ameijide, quen dixo que a alcaldesa asinou unha "hipoteca" cuxa factura aínda se descoñece. Xa se sabe que a primeira cota será de un millón de euros, que é o que se prevé que custe tirar a mole, dixo o edil popular.

A derriba, afirmou Ameijide, vai ser moito máis cara do que dixera o goberno e a factura pola licenza "ilegal que concedeu o PSOE" vai resultar moi cara para os lucenses, sostivo o concelleiro do Partido Popular.

Ameijide reclamou ao goberno que dea conta dos estudos económicos que se fixeron de cara á operación de derriba e indemnización aos propietarios e que explique as negociacións co promotor para as compensacións a pagar polo lucro cesante. "Salvo que paguen a factura Lara Méndez e José Ramón Gómez Besteiro, os lucenses teñen dereito a saber o que lles vai a custar a errónea operación urbanística que autorizou o PSOE", dixo.

O goberno local mantivo ata agora contactos para liquidar o proceso, pero a empresa que promoveu O Garañón está neste momento en concurso de acredores e a propiedade pode estar neste momento en mans dun fondo voitre.

A promotora acabou en concurso de acredores e o solar pode ser xa dun fondo voitre, pero hai que negociar compensación

No PP cren que, sexa quen sexa o propietario, a factura do Garañón vai saír moi cara aos cidadáns. E o peor, sostén Ameijide, é que se vía vir. Así, recordou, o PP xa advertía en 2005 de que se permitiu "o deseño que lle deu a gana ao promotor". Engadiu que o goberno "leva quince anos mantendo unha mentira".

Desde o goberno non se deixa de apuntar que o edificio construído no Garañón foi froito do que permitía o plan xeral de urbanismo aprobado en tempo dun goberno popular, pero esta formación non deixa de recordar que desde o primeiro momento foi crítico con ese proxecto urbanístico e dixo que non se podía aprobar.

A anulación das licenzas por parte da Xustiza ratificou o que sempre advertiu o PP, sostén Ameijide, que este mércores reclamou acceso a todas as alternativas que se estudaron para pechar o capítulo do Garañón.

Ao pleno do xoves próximo irá o proxecto para a derriba da construción e os populares queren luz e taquígrafos, din.

As indemnizacións a pagar polo Garañón suporán que o Concello non poderá afrontar outros investimentos que son necesarias para a cidade e iso deben sabelo os veciños, precisou Ameijide.

O viceportavoz popular expresou á vez o seu temor a que as "hipotecas" do goberno sigan crecendo con novas indemnizacións que haxa que pagar por decisións urbanísticas que se están tomando e que cre que van ter custo para a cidade, como o tivo O Garañón ou a Fábrica da Luz, pola que haberá que compensar á empresa con 2,5 millóns, segundo o acordo xa pechado, recordou.

Orozco responsabiliza o PP da construción
O exalcalde de Lugo José López Orozco responsabilizou ao Partido Popular da construción das torres do Garañón por aprobar durante a súa etapa no goberno lugués o plan xeral do ano 1991 que permitiu que se levantase. 

En declaracións aos medios, o rexedor, que se viu obrigado a renunciar tras ser imputado pola xuíza Pilar de Lara no caso Garañón xunto a José Ramón Gómez Besteiro, recordou que a Audiencia Provincial arquivou a comezos destes anos "toda referencia" tanto á súa persoa como á de Besteiro por este caso. 

Ante a demolición que planea o goberno local, López Orozco manifestou que "respecta" as decisións do Concello, aínda que recoñece que lle gustaría saber os informes de como se interpreta a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no sentido que se anula a licenza e o proxecto de urbanización e que é, neste caso, devolver a legalidade a esa parcela". 

Á súa vez, apelou a que "se necesita saber cales son as pretensións dos propietarios" do solar no que se contemplaba a construción no plan xeral, que, como recordou, foi aprobado a comezos dos anos 1990 polo PP, "aínda que eles (populares) quéiranse poñer de parte de fóra e defendan o urbanismo". 

"Non me gusta o Garañón. Nunha reunión coa asociación de veciños eu díxenlles que pagaría o soldo dun mes con tal de que non se edificase. Pero as licenzas hai que concedelas cando se cumpren as condicións", incidiu.

Comentarios