Unha gandería de Adai espera desde 2017 por licenza para ampliar

O afectado súmase á queixa do PP pola demora de permisos para a zona rural e o goberno admite atraso na tramitación
Explotación de Santa María de Adai que espera por licencia municipal. EP
photo_camera Explotación de Santa María de Adai que espera por licenza municipal. EP

A Gandería González Vázquez, da parroquia lucense de Santa María de Adai, está en pleno proceso de renovación xeracional e hai tres anos tiña plans de expansión. Agora estallo pensando, porque leva outro tanto tempo esperando por unha licenza para unha obra sinxela, de pouco máis de 30.000 euros, como sería a construción de unha nave para novillas. 

Os seus titulares din que presentaron a documentación no rexistro municipal e pagaron as taxas en xaneiro de 2017 e que, desde entón, non volveron a ter noticias oficiais. "Foi meu pai hai un ano e pico polo Concello e dixéronlle que levaban atraso porque tingan moito papelorio", conta o mozo chamado a continuar a actividade familiar.

Cando se incorporou á explotación gandeira, a idea era "ampliar para ter ou dobre de vacas", que agora son 95 (52 en ordeño), "pero agora xa non sabemos, porque tiven un accidente laboral e se vou ter que esperar outros tres ou catro anos por cada licenza... Quítanche as ganas", afirma.

A gandería González Vázquez pon nome e voz á queixa expresada este martes polo PP sobre a demora na concesión de licenzas na zona rural, que é superior á urbana, asegura o concelleiro do PP Manuel López.

O PP expón que se contrate máis persoal ou se organice mellor o servizo

O edil informou de que o Concello resolveu durante o ano pasado 81 expedientes neste ámbito, desde construción e rehabilitación de vivendas e parcelamento de terreos ata permisos para edificacións de carácter agrícola e gandeiro ou para outro tipo de actividades. 

Sumaron un valor de obra de 5.069.172 euros e a espera media, segundo o estudo realizado polo PP, foi de 540 días. En base ás licenzas aprobadas polo goberno local, os populares cren, ademais, que a situación está a empeorar, porque nos tres primeiros trimestres resolvéronse unhas sete licenzas ao mes e no último semestre, catro.

Ante esta situación, o PP expón que se contrate máis persoal ou se organice mellor o servizo e pregunta, ademais, que criterio séguese para resolver os expedientes pola gran diferenza de prazo que existe entre uns e outros. Cita o caso da ampliación dunha explotación agraria de Santiago de Saa que esperou 76 días -dentro do prazo que establece a Lei do Solo, que é de 90 días- e a legalización dunha zona de adestramento de cans en Meilán, que tardou seis anos, segundo os datos achegados polo PP. "A xente perde tempo, diñeiro e tranquilidade", afirma o concelleiro Manuel López.

SEN EXPLICACIÓN. O goberno recoñeceu este martes que a licenza de Adai non comezou a tramitarse, aínda que non explicou as razóns, e alegou que o habitual é que sexan razóns alleas ao Concello as que inflúen nos tempos de concesión das licenzas.

Ler máis: O pazo de Adai acolleu a rodaxe de 'O sabor das margaridas'

O concelleiro de urbanismo, Miguel Couto, asegura que unha porcentaxe moi alta dos expedientes preséntanse incompletos e é habitual, di, que cando o Concello reclama a documentación que falta, o solicitante tarde en achegala.

Outro motivo que adoita influír nos prazos é a petición dos informes sectoriais correspondentes. Moitos proxectos deben someterse ás consideracións sobre todo da Dirección Xeral de Patrimonio, como sucede por exemplo cos que están no ámbito do Camiño de Santiago, e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil se afectan a canles. Ningunha destas administracións adoita ser rápida na resposta, recorda o goberno local.

Para rematar, as licenzas que están vinculadas a actividade, como as relacionadas con construcións agrícolas e gandeiras, teñen que ser informadas tanto polo persoal do departamento de urbanismo como polo enxeñeiro de medio rural. Esta praza foi cuberta o ano pasado, logo dun período no que houbo unha persoa contratada.

Comentarios