A Galicia máis natural exponse en Lugo

A conselleira Ángeles Vázquez abriu unha mostra en Lugo sobre as Reservas da Biosferas galegas, que en 2022 recibirán 6,4 millóns para a súa posta en valor. Ocupan o 35 por cento do territorio 
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Presentación de la muestra sobre las Reservas de la Biosfera gallegas. XESÚS PONTE

O 35 por cento do territorio galego está protexido por unha Reserva da Biosfera e Galicia é a comunidade con máis espazos recoñecidos pola Unesco. Son dous dos aspectos que destacou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, ao inaugurar  na Praza de Santa María unha mostra centrada na singularidade deses territorios galegos, cuns valores naturais, paisaxísticos, patrimoniais ou culturais singulares, remarcou.

A mostra, que rotará polas cidades galegas, abriuse en Lugo porque a provincia é a que ten máis territorio recoñecido pola Unesco, tras a recente declaración da Ribeira Sacra.

Na presentación da mostra, Vázquez destacou a importancia do patrimonio natural protexido, pero tamén o seu potencial económico e turístico e, nese contexto, anunciou que a Xunta destinará 6,4 millóns para impulsar en 2022 actuacións de posta en valor das sete reservas galegas.

A metade dos fondos, 3,2 millóns irán a axudas aos 86 concellos que abarcan as reservas e 1,85 millóns serán para os xestores das reservas As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Terras do Miño, Os Ancares e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá e o Área de Allariz. Outros 1,3 millóns irán para actuacións nas reservas que xestiona directamente a Xunta: Río Eo, Oscos e Terras de Burón, reserva transfronteiriza do Gerês-Xurés, e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, defendeu na inauguración a riqueza do patrimonio das Reservas da Biosfera, un recoñecemento da Unesco que tamén inclúe á capital e que achega tamén oportunidades económicas e turísticas, dixo.

A protección do territorio e a divulgación dos valores deses espazos cun valor natural singular é tamén unha oportunidade para crear conciencia sobre o valor do patrimonio natural, dixo.

O potencial económico, máis aló do valor intrínseco da protección dos recursos naturais, foi igualmente subliñado por Carlos Vales, director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, órgano implicado na xestión das reservas, que subliñou que se trata de espazos que custodian unha natureza privilexiada, pero tamén os recursos para unha produción de calidade.

Apuntou, á vez, que eses territorios protexidos foron o eixo de iniciativas valiosas que obtiveron recoñecemento internacional.

A exposición que arrincou este mércores en Lugo montouse ao pouco do recoñecemento da Ribeira Sacra pola Unesco e cando se cumpren cincuenta anos da creación do programa de protección da Unesco, recordou a conselleira Ángeles Vázquez.

A mostra, estruturada en varios paneis que abordan aspectos como cultura, paisaxes, flora e fauna, patrimonio ou gastronomía poderase ver en Lugo ata o próximo día 6.

Comentarios