Gadis e Mercadona, os supermercados máis baratos en Lugo

O establecemento máis económico de España é o Alcampo de Vigo, segundo un estudo da Ocu
Clientes en un Gadis de Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Clientes nun Gadis de Lugo. SEBAS SENANDE

Os supermercados da cadea de distribución galega Gadis e a valenciana Mercadona son os máis económicos para facer a compra en Lugo cidade. Séguenas no ranking as tendas de Carrefour e Froiz.

Así se desprende do último estudo da organización de consumidores Ocu no que compara os prezos de máis de 90 cadeas en toda España. Un dos datos rechamantes que deixa é que Galicia é, en termo xerais, a comunidade máis barata para encher a despensa e neveira.

O informe tamén analiza canto baixou ou se encareceu a cesta nas grandes cadeas que operan no país e conclúe que Gadis é a que máis abaratou os produtos, un 2,5% de media. A compañía con sede en Betanzos está no ‘top five' das cadeas máis económicas de España.

Se a análise se estende ao ámbito nacional, Alcampo convértese nunha das mellores opcións para o peto tras baixar máis os produtos este ano e xa é a insignia máis barata en 31 cidades.

Con prezos tamén competitivos e unha ampla presenza no país, Mercadona é o seu rival máis temible, tanto nas tendas físicas como en comercio online.

Un dos datos rechamantes que deixa o estudo é que o hipermercado Alcampo de Coia, en Vigo, é o máis barato de España para encher a cesta, con 4.011,88 euros ao ano. A cidade olívica, de feito, destaca entre as menos caras do país para comprar.

A diferenza entre acudir ao establecemento máis económico e o máis caro de España non é pequena: 1.063 euros ao cabo de doce meses.

As familias aínda gastan en alimentación menos que antes da crise.

Comentarios