As funerarias barallan reducir o horario e pechar os tanatorios pola noite

A medida forma parte da adaptación aos novos costumes
Jorge Balado. SEBAS SENANDE
photo_camera Jorge Balado. SEBAS SENANDE

A Asociación Provincial de Servizos Funerarios de Lugo (Aprefu) baralla unificar os horarios de atención ao público para reducilos e tamén o peche polas noites dos tanatorios da provincia. Argumenta para iso, entre outros motivos, que xa non é tan habitual que as familias desexen velar o defunto, como se adoitaba facer antes cando os velorios eran nas casas ou, incluso, nos propios tanatorios. Nos últimos anos, de feito, o máis común é que as instalacións dos tanatorios permanezan pechadas durante a madrugada.

Os tempos van cambiando e as tradicións ao redor dos ritos funerarios tamén. Jorge Balado, presidente da Asociación Provincial de Servizos Funerarios de Lugo, asegura que "cada vez é menos raro ver actos civís en lugar de cerimonias relixiosas, aínda que seguen sendo minoría", e que a incineración se foi facendo aos poucos máis común nos últimos anos. Balado afirma que quere impulsar esta iniciativa porque "os empresarios do sector somos plenamente conscientes de que temos que evolucionar ao mesmo ritmo que o fai a nosa sociedade", explica.

Ademais dos cambios culturais que se están producindo, Balado asegura que o que buscan é "establecer un horario que aglutine a máxima xente posible, sen deixar de dar servizo cando sexa necesario". O presidente de Aprefu cre que a redución do horario de apertura nocturno dos tanatorios é positiva, xa que "permitiría unha mellor conciliación laboral e familiar dos empregados do sector" e que non só non prexudicará ao cliente senón que o beneficiaría, xa que os empregados que os van a atender estarán "máis frescos e descansados". Considera que a desaparición dos velorios nocturnos fai que as familias poidan intentar descansar e teñan tempo para asimilar e reflexionar sobre o momento difícil que están a vivir.

DEBATE. Ante esta situación, a Aprefu, que agrupa a unha trintena de firmas da provincia, promoverá un debate entre os seus asociados para avaliar cal é a mellor decisión "para dar resposta a unha demanda que existe dende hai anos e á que lle debemos facer fronte para garantir que sigamos a prestar un servizo óptimo e acaído á realidade de 2019", segundo opina Jorge Balado.

MEDIDA PIONEIRA. Se esta proposta se leva a cabo, Lugo converteríase na primeira provincia galega en regular os seus horarios deste xeito. Aínda que, segundo asegura Jorge Balado, "os compañeiros da Coruña, Ourense e Pontevedra tamén se atopan nunha situación similar, polo que é probable que eles tamén poidan dar pasos nesta mesma dirección"

Esta medida será unha das cuestións que se abordarán na próxima reunión ordinaria, prevista para setembro.

Comentarios