Francisco García, xornalista de raza de El Progreso, falece aos 51 anos

Foi o responsable da sección de Local, onde empezou hai tres décadas, e Comarcas
Francisco García. XESÚS PONTE
photo_camera Francisco García. XESÚS PONTE

O xornalista de El Progreso Francisco García Gómez faleceu este luns aos 51 anos por mor dunha enfermidade que o obrigou a afastarse dos seus quefaceres profesionais nos últimos dous anos. Paco García dedicara toda a súa vida profesional a este diario, onde comezou a traballar en 1987. Na súa última etapa laboral exerceu como xefe da sección de Comarcas e mantiña unha columna semanal, El Observatorio, na que daba mostras da súa pluma concisa, áxil e analítica sobre os asuntos da provincia.

Nacido en Lugo en 1967 —o próximo día 23 ía cumprir 52 anos— estudou secundaria no IES Xoán Montes, onde destacou polo brillante expediente. Tras acabar o bacharelato trasladouse en 1985 a Madrid para cursar Xornalismo na facultade de Ciencias da Información na Universidade Complutense. Cando levaba só dous anos de estudos, xa foi contratado polo diario lucense, en cuxa vella redacción da Rúa Progreso despuntou pronto polas súas cualidades e o seu olfacto para as noticias de ámbito local e municipal.

Enseguida demostrou que era un xornalista de raza, que destacaba polos seus innumerables contactos e que en tempo récord se converteu nun dos mellores plumillas.

O libro Xoves xornalistas. Crónica aberta, de Edicións Lea, veu ratificar a súa talla profesional ao incluír a súa firma entre as chamadas a marcar época no xornalismo galego, como as do desaparecido Nacho Mirás ou Aníbal C. Malvar.

Foi Local o punto de partida dunha traxectoria que o levou nos anos sucesivos ao equipo de investigación, onde formou tándem con Jaureguizar e onde se dedicaban a realizar análise de profundidade sobre temas de actualidade. Despois regresou a Local, foi xefe en Extras e, na súa última etapa, en Comarcas, volveu demostrar o mestre de xornalistas que levaba dentro.

A sección de Local foi o punto de partida da traxectoria profesional dun xornalista de raza e mestre de xornalistas

O seu sempiterno sorriso, o seu look de dandy —non podía ser doutro xeito no fillo dun xastre— e o seu humor de fina ironía fixeron de Paco García, Paquito, un referente en El Progreso, onde deixa un baleiro imposible de encher.

A súa profesionalidade e o seu carácter afable foron recoñecidos non só entre os compañeiros de profesión senón tamén entre autoridades, institucións e representantes políticos e sociais, que mostraron as súas condolencias a través deste xornal e as redes sociais.

Orfo de nai desde moi neno —un feito que o marcou profundamente—, criouse co seu pai, Enrique, e a súa irmá, Tata, no barrio da Milagrosa, que anos despois recoñeceuno co título de Milagrosista do Ano.

Sen fillos, Francisco García demostraba devoción polos seus sobriños Adrián e Iván, que o acompañaron algunha vez nas súas viaxes —era unha das súas paixóns— ao redor do mundo, desde Nova York, Tailandia ou as illas gregas.

O futuro, no entanto, deparáballe un sobriño político, Rubén, quen o coidou con primor cando a enfermidade empezou a facer mella na súa deteriorada saúde.

Os restos de Francisco García están en Velatorios Lucenses e foi o seu desexo que antes que flores se fixese un donativo a Somos Unidos por el Cáncer e a AECC. A incineración será na intimidade.