O Fluvial reforza os aparellos dos ximnasios e da sala de cardio

O club da Ponte inviste 60.000 euros para adquirir bicicletas de spinning e elípticas cross-hit e máquinas de musculación

Los nuevos equipos del gimnasio. EP
photo_camera Os novos equipos do ximnasio. EP

O Club Fluvial de Lugo reforzou o equipamento dos seus ximnasios e da sala de cardio. Así acaba de incorporar máquinas de última xeración para cubrir a elevada demanda que existe entre os seus socios nas actividades de spinning e nos aparellos de musculación, o que supuxo un investimento duns 60.000 euros.

A entidade privada do barrio da Ponte adquiriu 40 bicicletas de spinning de avanzada tecnoloxía, con máis funcións e programas, e tres circuítos de máquinas de musculación, que incorporan pantallas e tutoriais para facer os exercicios de forma adecuada e traballar peito e ombreiro; bíceps e tríceps e abdominais e lumbares.

O responsable da seccción de fitnnes e dos ximnasios do Club Fluvial, Moncho Busto, sinala que "estas máquinas multifunción que permiten realizar diferentes exercicios para mellorar determinada musculación son as máis demandadas polos usuarios do ximnasio do club".

Moncho Busto explica que as máquinas existentes "sempre están ocupadas, polo que consideramos necesario potenciar este tipo de aparellos, para responder á demanda dos socios".

O Club Fluvial tamén incorporou bicicletas elípticas cross-hit, parecidas ás de spinning, pero con outras particularidades e con programas máis avanzados.

ACORDO. Para a adquisión de toda esta nova maquinaria, a entidade da Ponte chegou a un novo acordo con BH. A histórica empresa vasca comprométese a cambiar todo o equipamento dentro de catro anos, do mesmo xeito que xa ocorreu con todos os aparellos e maquinaria que se incorporaron ás novas instalacións do club hai uns dous anos.

O Fluvial de Lugo está considerado o terceiro club deportivo de Galicia, tras o Deportivo e o Celta, que conta con máis socios, uns 13.800, entre titulares e familiares.