viernes. 15.01.2021 |
El tiempo
viernes. 15.01.2021
El tiempo

A Protectora de Lugo instala unha lona para resgardar aos cans do frío

Dúas empregadas despregan a lona que se utiliza para resgardar os caniles nestes duros días de xeada. VITORIA RODRÍGUEZ
Dúas empregadas despregan a lona que se utiliza para resgardar os caniles nestes duros días de xeada. VITORIA RODRÍGUEZ
Este ano foron adoptados 339 cans e 97 gatos

A actividade do albergue que ten a Protectora de Animais de Lugo non se resente coa pandemia, nin se arrefría tampouco coas xélidas temperaturas destes días. Para que os cans poidan combater esta onda de frío, con mínimas na capital lucense que foron inferiores aos seis graos baixo cero, esta sociedade instalou unha inmensa lona, que cobre as portas dos caniles.

Esta medida provisional está a ser "eficaz", segundo pon de manifesto o seu vicepresidente, Alberto Losada. A auga dos bebedoiros non se conxela. Tamén está a utilizar palla, ademais da labra habitual, para que as camas sexan máis confortables.

A Protectora conta actualmente cuns 140 cans no seu albergue de Santa María de Muxa, unha das cifras máis baixas dos últimos anos, propiciada pola solidariedade, xa que ten a outros 160 en casas de acollida, o que supón "un relaxo", segundo asegura o seu vicepresidente.

Hai voluntarios que levan aos seus fogares camadas de 10 membros, sen a súa nai, e dedícanse a darlles o biberón aos cachorros ata polas noites.

"É de xustiza pór en valor o gran tesouro que supón o voluntariado, que se preocupa polo benestar dos animais albergados e que sempre está aí", afirma Alberto Losada.

A pandemia case pasou de longo pola Protectora lucense, aínda que ás veces tivo que manter o seu albergue pechado ao público polas restricións establecidas polas autoridades sanitarias ou por precaución. Un dato pon de manifesto esa actividade: a adopción de 339 cans no ano recentemente concluído, 40 menos que en 2019, e 97 gatos -20 máis-.

UBICACIÓN. A directiva da Protectora está inmersa en resolver o emprazamento definitivo do seu albergue, un asunto que, segundo recoñece Losada, "vaise demorando máis do desexable". 

Dúas seguen sendo as alternativas, que se acometan as obras nas súas actuais instalacións de Muxa, financiadas pola Deputación de Lugo, que están pendentes de emendar as deficiencias apreciadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, ou que se constrúan unhas novas nunha propiedade que ofrece o Concello de Lugo, que ademais duplicou a súa subvención, ao aumentala de 105.000 euros a 200.000.

"A Deputación Provincial ten a partida orzamentaria dispoñible para afrontar as obras e non presenta ningún problema a que se gaste ese diñeiro nunha leira do Concello", aclara o vicepresidente da sociedade.

Losada sostén que está "na recta final" este problema. "Isto prolongouse moito no tempo, pero esperamos que a espera valla a pena e que pronto teñamos unha Protectora á altura da ilusión que moitos pomos niso", afirma este directivo.

A Protectora de Lugo instala unha lona para resgardar aos cans do...
comentarios