A Fiscalía pide dous anos e medio de cárcere e 1,5 millóns de multa para dous acusados da Carioca

Impútanselles delitos de branqueo de capitais procedentes da prostitución

El bar Perla Negra, en Lugo. AEP
photo_camera O bar La Perla Negra, en Lugo. AEP

A Fiscalía pide dous anos e 6 meses de cárcere e unha multa de 1,5 millóns de euros para dous acusados de supostos delitos de branqueo de capitais procedentes de actividades delituosas, neste caso, vinculados coa prostitución. Trátase dunha das pezas separadas da operación Carioca e nela xúlgase a unha parella. 

No seu escrito, o Ministerio Público tamén pide o comiso de todos e cada un dos bens que figuran a nome dos acusados e que foron intervidos ao longo do procedemento. 

Por auto do 14 de abril de 2008, acordouse formar unha peza separada en relación con esta parella, J.M.G.A. —condenado por sentenza firme a 12 meses de multa como autor dun delito quebrantamento de condena— e a K.L.F.O., relativo ao destino das "considerables ganancias económicas obtidas" por eles, procedentes da explotación da prostitución en diversos clubs. Tamén se incoaron dilixencias previas contra ambos por un delito relativo á prostitución. 

Para canalizar os beneficios obtidos, os acusados realizaron diferentes operacións. Así, o acusado comprou a maioría das participacións da Sociedade Hostal a Formiga e que explotaba un club de prostitución denominado O Descanso. 

Este local fora arrendado á sociedade Saboyal, á que o acusado abonou a cantidade de 52.200 euros durante os nove meses en lso que foi administrador. Durante ese período, a acusada controlaba o club e figuraba como autorizada nas contas bancarias da sociedade Hostal a Formiga. 

En febreiro de 2004, o acusado, xunto a outra persoa, comprou o club denominado Escorpio, dedicado á explotación de prostitución e fixouse un prezo de 1.336.095 euros, cun período de pago de dez anos. En outubro de 2005, as partes volveron redactar un novo contrato privado de compravenda.

Posteriormente, constituíu xunto a outra persoa a sociedade Eroslugo para a explotación do club Eros (antes Escorpio) e "guiado por igual ánimo" en xuño de 2006 constitúe a sociedade EROS Muralla. 

O acusado é partícipe de "numerosas" sociedades foron igualmente "utilizadas para canalizar os beneficios xerados da súa actividade ilícita". "Parte dos ingresos obtidos desta actividade ilícita foron canalizados mediante o envío de diñeiro a través de entidades bancarias e outras empresas dedicadas a transferencias internacionais", sinala a Fiscalía, que engade que na maioría dos casos os destinatarios do diñeiro eran a nai da súa parella e "outras persoas de confianza".

Os acusados tamén adquiriron un local denominado La Perla Negra co dono do local La Quinta Caseta, co que posteriormente se realizou un segundo contrato privado de tres leiras situadas en Lugo. En xullo de 2009, solicitouse ao Concello licencia para instalar e abrir un establecemento de pub e en setembro dese ano solicitouse cambio de titularidade da muller para a sociedade do acusado. Ambos os acusados, ademais, son propietarios de dous vehículos. 

Comentarios