O fiscal pide 6 meses de cárcere a un home por berrar á súa exnoiva en plena rúa e zarandeala

O acusado iniciou unha discusión coa súa exparella na Praza de Bretaña

O xulgado do Penal número 2 de Lugo celebrou este luns un xuízo contra un home acusado de berrar e zarandear á súa exnoiva en plena rúa. O fiscal solicitou para el unha condena de seis meses de prisión como autor dun delito de malos tratos no ámbito familiar.

Segundo se recolle no escrito de conclusións provisionais do ministerio público, sobre as sete menos dez da mañá do 5 de marzo de 2017, o acusado iniciou unha discusión coa súa exparella na Praza de Bretaña. Nun momento do enfrontamento, "con ánimo de menoscabar a súa integridade moral", colleuna pola roupa á altura do peito, berrándolle, e tras zarandeala empuxouna cara atrás.

Unha patrulla da Policía Nacional acudiu ao lugar e a vítima manifestoulles aos axentes que non desexaba presentar denuncia. Con todo, unha muller que presenciou os feitos explicoulles aos policías o que vira.

Ademais da pena de prisión, o fiscal solicita que o acusado non se poida aproximar á vítima durante dous anos.