O fiscal pide 11 meses de cárcere para unha lucense por golpear o seu fillo nunha perna

A muller afronta tamén dous anos de afastamento do menor
Juzgados de Lugo. ARCHIVO
photo_camera Xulgados de Lugo. AEP

A Fiscalía lucense solicita once meses de prisión para unha muller acusada de golpear o seu fillo nunha perna. Segundo o relato da acusación pública, o incidente produciuse sobre as catro da tarde do 5 de xullo de 2018, cando a nai se atopaba no domicilio familiar cos seus dous fillos, menores de idade.

A muller rifoulle ao neno en presenza da súa irmá e supostamente pegoulle nunha perna, "sen chegar a causarlle ningunha ferida". O suceso transcendeu e o ministerio fiscal acusou á muller dun delito de malos tratos, polo que solicitou unha condena de once meses de prisión, así como dous anos de afastamento do pequeno.

O xuízo por este caso celebrouse no Penal 1 de Lugo e quedou visto para sentenza.