Filomena pide derreter a bicos esta borrasca

A dona de Pelúdez responde deste xeito á súa inesperada fama polo forte temporal de neve, frío e xeo que lle colleu prestado o nome

Filomena, parella de Pelúdez, personaxes ambos os dous habituais do San Froilán lucense da man de Cora, acadou estes días unha inesperada fama ao levar o seu nome a borrasca de neve e xeo que afectou a boa parte do país, especialmente a capital de España e a zona centro e leste.

FilomenaPero como ao mal tempo hai que poñerlle boa cara, Filomena mostra afouteza e sentido do humor ante esta situación que colleu a todo o momento por sorpresa. "Eu son máis de lume que de neve, pero a borrasca hai que afundila a bicos, aínda que sexa gardando a distancia asocial".

Filomena non só deixou Madrid baixo o manto branco máis espeso dos últimos 50 anos durante unha longa semana, cuns efectos colaterais que se fixeron sentir nos transportes por estrada, ferrocarril e nos aeroportos, na falla de produtos básicos nos mercados e nas tendas, senón que tamén devolveu o sorriso ao espertar dun ano 2021 que non estaba sendo tan prometedor como se agardaba hai escasas datas. Mentras, á nosa Filomena —como é presumida— non lle desagradou que se falase dela nas redes sociais, onde estes días apareceu como protagonista dalgún meme e brincadeiras por parte de usuarios de Facebook, Instagram e Twitter, fundamentalmente.

Quen lle ía dicir a Filomena, afeita a aturar a Pelúdez durante tantos anos, sen perder o sentido do humor, que esta borrasca que lle roubou o nome a convertiría nunha criatura tan devastadora.

Desde que casou co Pelúdez, Filomena non deixou de visitar o San Froilán, e de mesturarse cos seus veciños. É unha personaxe tan respectada e característico da festa luguesa como o polbo, as atraccións do parque de Rosalía de Castro ou o mesmo santo.

PRIMEIRA MENCIÓN. A primeira mención a Filomena, un personaxe moi querido por todos os lugueses, corresponde ás festas de 1947. Pelúdez levaba xa 39 anos nas páxinas de El Progreso, pero Xosé Trapero Pardo aínda non chegara aos dez coas aventuras do festeiro.

"Estou moi recoñecida aos medios comunicativos, que non paran de falar de min", di Filomena no seu particular idioma galego

Pelúdez dá a entender que mantén certas relacións cunha tal Filomena e o xornalista interésase por coñecer á muller, pero pasa o ano sen máis novas.

Será nas festas de 1948 cando Filomena faga realmente a súa aparición como personaxe, aínda solteira e, segundo Pelúdez, con poucas posibilidades de deixar de selo, porque "antes caso co pedáneo da parroquia".

O home non quere compromisos, porque "o mar goberna a súa vida", e el fai o mesmo coa súa. Equivocadiño que está, porque desde ese intre a hoxe —setenta e dous anos despois , Filomena segue a ser a súa compañeira inseparable.

O 9 de outubro de 1948, a sección asinada por Trapacero leva o título de ‘Pelúdez tenlle medo a Filomena’, que vén sendo o pistoletazo de saída e a aceptación da moza como novo personaxe da sección.

A chegada terá a súa confirmación o 4 de outubro de 1949, cando Pelúdez fai as presentacións entre a muller e Trapacero. Ela turra co home porque non lle parece fino dabondo e comenta:

"Y aínda que sengamos de la aldea, sabemos pisar bien las piedras de Lugo".

Como se pode comprobar, o galego da Filomena mellora co paso do tempo.

A voda entre eles debe agardar ata o ano 1956, pero xa no 1957 nace o Peludeciño, que coñece á Vanesa en 1994. A consogra de Pelúdez, Reborita das Arieiras, incorpórase en 1997, xa falecido Trapacero, e no seguinte, a parella casa precisamente na capela de Santa Filomena do Cadramón, no Valadouro. O seu primeiro neto, Járrison Peludeciño, é de 2002, e a segunda, Piliña dos Ollos Grandes Pelúdez das Arieiras, do 2008. Como pasa o tempo!

Postos en contacto con Filomena, agora que xa vai cedendo o temporal, dixo para El Progreso:

—Estou moi recoñecida aos medios comunicativos, que non paran de falar de min desde hai unha semana, pero eu non son esa que ti te imaxinas. Eu son máis de lume que de neve. Arrengo da borrasca e fago un chamamento pra afundila a bicos, aínda que sexa gardando a distancia asocial.

Comentarios