Ferreiro anuncia aos feirantes que non ve marxe ás barracas

Os empresarios cren que o Concello se ampara en normas de vixilancia que non se cumpren no resto de espazos públicos
Maite Ferreiro. EP
photo_camera Maite Ferreiro. EP

A edil de cultura, Maite Ferreiro, reuniuse o xoves cos barraquistas e explicoulles que non ve marxe para permitir a instalación do feiral de San Froilán.

A edil sostén que as normas sanitarias da Xunta obrigan a fixar un recinto e vixiar o cumprimento de normas de distancia entre o público, algo que, a día de hoxe, non ve viable, díxolles.

Deuse, así, un paso máis cara á decisión formal de descartar a presenza de barracas no San Froilán. Con todo, a decisión última anunciarase o luns, día para o que se convocou a comisión de festas.

A reunión deste xoves foi "cordial", en palabras dos representantes dos feirantes, que no entanto insistiron en mostrar o seu desacordo coa postura do Concello.

Sinalan que o goberno basea a súa postura na necesidade de garantir a distancia entre persoas en todo o recinto feiral, unha esixencia que é aplicable a todo espazo público, non só á zona de barracas dunhas festas, remarcan. En cambio, din, non hai policía nas rúas concorridas, nas zonas de viños ou nas entradas a comercios advertindo á xente que debe gardar distancias de seguridade interpersoal.

Na reunión, Ferreiro veu pedir aos feirantes unha norma que exima ao Concello claramente de ter que vixiar o perímetro do recinto feiral e os feirantes lamentáronse de que se presente esa demanda un xoves cando a decisión se vai a tomar o luns seguinte. "Se se quería unha aclaración da Xunta, poderíase negociar, pero agora é case imposible, porque eles van tomar unha decisión sobre as festas o luns e o comité clínico de Galicia non se reúne ata o"martes , lamentábanse os feirantes.

Estes, á vez, seguen reivindicando a seguridade das barracas, onde se cumpren as normas, recalcan. Expoñen o diferente trato entre Lugo e cidades como Valladolid e Salamanca e, a pesar de velo difícil, aínda esperan desmontar en Lalín e vir a Lugo a traballar.

Comentarios