Ferido un home ao quedar atrapado entre un tractor e unha árbore en Lugo

O lesionado, que sufriu o accidente en Soñar, foi trasladado ao Hula

Un home resultou ferido nun accidente cun tractor rexistrado este venres en Lugo, onde quedou atrapado entre o vehículo e unha árbore. Foi necesaria a intervención dos Bombeiros.

Atendendo á información divulgada polo 112, o sinistro ocorreu sobre as 12.15 horas na Campa da Barra, na parroquia de Soñar. Ata a zona desprazáronse os Bombeiros de Lugo, Protección Civil, Policía Local, Garda Civil e Policía Nacional, así como persoal sanitario do 061, que trasladou o ferido ao Hospital Lucus Augusti

Só no que vai deste mes outras dúas persoas sufriron lesións en accidentes con tractores rexistrados na provincia de Lugo, en Riotorto e na Fonsagrada. Foi despois dun agosto e un setembro negros, con tres sinistros mortais na provincia en 20 días.