O Pazo de Feiras minimizará as perdas do Covid-19 ao recuperar eventos

O seu padroado aprobou o calendario de certames que se celebrarán a partir de setembro
AppleMark
photo_camera O Pazo de Feiras e Congresos acolleu este venres a reunión do padroado. VICTORIA RODRÍGUEZ

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo confía en "minimizar" as perdas ocasionadas pola pandemia o novo coronavirus, tras permanecer pechado durante case tres meses, xa que prevé recuperar á volta das vacacións estivais os principais salóns que tivo que suspender durante o estado de alarma, que adoitan atraer a miles de visitantes. Así se puxo de manifesto durante a reunión que mantivo este venres o padroado da fundación que rexe este recinto.

Nese encontro aprobouse o calendario de feiras para os últimos catro meses do ano. Equigal, o salón do cabalo que se adoita celebrar en maio e xuño, trasladarase ao último fin de semana de setembro e aos dous primeiros de outubro.

Coincidindo coas festas patronais de San Froilán, en outubro, tamén terá lugar a feira agrogandeira Expolugo. E tampouco faltará á súa cita o salón de lecer infantil e xuvenil Xuvenlugo, que se desenvolve durante as festas do Nadal, en decembro e xaneiro.

Ademais, recuperarase outro clásico do calendario do recinto feiral lucense, o salón do automóbil, tanto o novo como o de ocasión. O primeiro, que alcanzará o seu décimoquinta edición, íase a celebrar precisamente o fin de semana en que foi declarado o estado de alarma. Neste caso as datas aínda están por concretar, en función das que consideren máis adecuadas os concesionarios. Haberá ademais un outlet de vehículos, que en principio será en novembro.

Está previsto tamén que se celebre nos últimos meses deste ano unha feira multisectorial. O que probablemente caerá do calendario será o salón nupcial que está programado para novembro.

O Padroado do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, do que forman parte Xunta, Concello, Deputación Provincial e CEL, aprobou ademais onte as contas do exercicio pasado, que se saldaron cun superávit duns 4.000 euros e o informe favorable de auditoría. Este é un dos contados recintos de Galicia que presenta números verdes.

Á reunión do padroado asistiron, entre outros cargos públicos, a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez.

Campamento, rocódromo e reunións
O recinto feiral retomou este mes a súa actividade practicamente ao 100%. Actualmente está en servizo o campamento de verán que organiza o Grupo Vitae e o rocódromo. Ademais, asociacións de produtores de gando, como Ovica ou Asoporcel, celebran reunións periódicas.
Requisitos
Actualmente en Galicia pódense celebrar congresos ou conferencias cun aforamento máximo de 300 persoas, se é en interior, e de 1.000, no exterior. A Asociación Galega de Feiras e Eventos (Agafe) mantén conversacións coa Xunta para estudar que aforamentos poden ter as feiras.
Verán
Xullo e agosto son meses nos que a actividade é "liviá" no recinto feiral da capital lucense, segundo os seus xestores, polo que as restricións establecidas pola administración autonómica debido á situación sanitaria apenas lles afectan.

Comentarios