Feijóo esixe rescatar a Alcoa co fondo que aproba o Goberno este venres

Nun mitin nas Gándaras, o candidato do PP aposta pola inxección de capital público

O presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, esixiu ao Goberno central que parte do fondo aprobado este venres para empresas estratéxicas con problemas de solvencia pola Covid-19 sexa para o "rescate" temporal da factoría de aluminio de San Cibrao da multinacional Alcoa. 

Nun mitin en Lugo, no polígono das Gándaras, reclamou unha "participación transitoria no capital" da compañía, utilizando ese fondo de 10.000 millóns para rescatar empresas con problemas de solvencia, que o Goberno aprobou hoxe no Consello de Ministros dentro dun paquete máis amplo de medidas. 

Segundo explicou, esta inxección de capital público sería temporal ata que o Goberno estableza un prezo da enerxía "competitivo" para que a empresa sexa atractiva no mercado, algo que reprochou ao Executivo que aínda non faga. 

"Alcoa non se vai a pechar, a Xunta non vai aceptar ese peche por unha decisión política", afirmou Feijóo ao referirse á única fábrica de aluminio primario que queda en España e que se atopa en pleno proceso de negociación dun ERE que afectaría a 534 traballadores. 

O presidente galego xa se mostrou onte de acordo cunha nacionalización da planta de Alcoa na Mariña (Lugo) durante un tempo antes que o seu peche e hoxe foi un paso máis aló e especificou que se faga co diñeiro do fondo para apoiar a solvencia de empresas estratéxicas. 

Esta é a "solución" que expuxo para a continuidade da planta de Alcoa, sobre a que reprochou ao Goberno que minta" e "enganado" ao comprometer a aprobación dun estatuto das industrias electrointensivas que non se fixo, e un prezo eléctrico que non se fixou no primeiro trimestre. 

Insistiu en que o peche de Alcoa "non é un tema menor" porque a Xunta non está disposta a perder esta factoría que é fundamental para Lugo, como o PSA para Vigo ou Inditex para Galicia, polo que é unha cuestión seria, "non unha broma", e xa que logo criticou que hai unha "decisión política" do Goberno detrás. 

Feijóo asegurou que o problema de Alcoa non vén pola pandemia do coronavirus, senón que as súas perdas comezaron en 2018 e 2019 ao non contar cun prezo eléctrico competitivo, polo que a Xunta non pode facer máis xa que a competencia neste ámbito é do Estado. 

"Se nos deixan traballar, sen decisións políticas que estrangulen os sectores estratéxicos da provincia, teremos máis pronto que tarde unha situación económica de crecemento sostido", garantiu. 

Ao tempo, criticou que o Goberno central leve dous anos sen aprobar uns novos orzamentos porque "sen contas públicas vivimos nun país de contos", mentres que nos seus once anos á fronte da Xunta aprobou os orzamentos anualmente e houbo "estabilidade" e a economía está "saneada". 

Con esta situación, o lóxico, segundo Feijóo, é que a Galicia puidese emitir débeda por valor de 3.500 millóns, se o Goberno trata á comunidade cun criterio "razoable" e non como unha autonomía endebedada. 

Durante a súa intervención, Feijóo augurou que a provincia de Lugo vai saír da recesión antes que outras provincias de España porque ten sectores sólidos e enraizados como o agrogandeiro, o forestal, o pesqueiro, o eólico, o aeroespacial, e o do aluminio.

Comentarios